Onte o xornal peruano El Comercio sorprendía a medio mundo coa seguinte portada:
Si, abraiante, pero puxeron a Superman na portada porque no número 667 da colección norteamericana de Superman, o Home de Aceiro visita o Pachu Picchu.
Estou impresionado porque tal curiosidade poida ocupar a portada da prensa xeralista, pois aquí, cando Superlópez se enfrontou ó Monster Chapapote non acadou nin tan sequera unha nova na que se puidera ver a portada do cómic. Vaia, que para que un cómic chegue á portada dun xornal non sei o que tería que pasar (polo momento, nin coa morte de Superman, nin coa do Capitán América, nin coa publicación da identidade segreda de Spider-Man).
O que tamén me resultou rechamante da visita de Supes a Perú é o feito de que o cómic en cuestión estea debuxado polos gaditanos Carlos Pacheco e Jesús Merino (entintador). Non sei se a viaxe sudamericana de Superman foi cousa do guionista (Kurt Busiek) ou partiu dunha proposta dos ilustradores.
A verdade é que resulta moi difícil que os comics reciban algo de atención na prensa e nos medios de comunicación de masas en xeral, e estaría ben que iso non fose así, pois beneficiaría á industria do tebeo. Nas librarías especializadas sempre comentan que se esgotou tal cómic de Miguelanxo Prado ou de Carlos Portela polo mero feito de que saíu unha reseña en La Voz. Se iso fose máis habitual, os lectores ocasionais paríanlle máis oportunidades á novena arte, e poderían chegar a apreciala.
Debe estar conectado para enviar un comentario.