IaRRoVaWo mándame un meme no que me insta a dicir 5 cousas das que gustaría, e como el destaca trebellos tecnolóxicos, eu irei un pouco por ese camiño:
-Un Toshiba Portégé G900: iso de ter un móbil cunha pantalla táctil de 800×480 e un teclado QWERTY deslizante fai posible poder levar a Internet no peto, e poder bloguear, responder e-mails e ler RSS dende calquera lugar (grazas en grande medida por contar con HSDPA e Wi-Fi). Para o Nadal van lanzar algún modelo semellante coma o Samsung SGH-F700V (que vai vender Vodafone en exclusiva) polo que sospeito que vai ser todo un exemplo a seguir.
-Un portátil MacBook Pro: iso de poder ter Mac OS X e Windows XP/Vista nun único equipo paréceme moi atractivo, aínda que só sexa para fozar un pouco con el. Iso si, o equipo ten un prezo totalmente desproporcionado, polo que non o mercaría en condicións normais de presión e temperatura.
-Un Asus Eee: gusto moito da idea dun portátil de garrafón, cunha boa autonomía e para un uso básico. Aínda que do Asus Eee non quero o 701 (o primeiro) senón o 1001 que lanzarán para a vindeira primavera e que ¡non terá ventilador!
-Un iPod Touch: o iPhone estaría moi ben, pero aínda non se sabe cando sairá en España nin se terá 3G, polo que de momento o iPod Touch é unha boa opción. O certo é que o meu reprodutor de MP3 está nas últimas (a batería está bastante cascada) pero admito que a min chégame coa música e o Touch non ten radio (¡menuda cagada!) polo que tampouco é a opción máis axeitada, pero teño curiosidade pola súa interface. Supoño que será o típico dispositivo que despois de probalo perde a graza, ¿ou non?
-Un Sony Reader (ou o modelo novo): admito que é algo que aínda ten que evolucionar moito, pero o concepto dun libro electrónico, que só consuma enerxía ó pasar de páxina é moi atractivo. Faime pensar que de ter algo semellante lería os moitos libros en PDF que se poden descargar de balde da Rede. Sei que é idealista pensar tal, pero coido que é un tipo de aparello que pode funcionar moi ben no futuro (cando teñan máis definición). ¿Será o futuro da prensa diaria?
Para rematar admito que as cousas que puxen na listaxe non as compraría realmente, cando menos todas xuntas, pois hai bastante duplicidade entre elas, pero pareceume interesante destacar uns elementos representativos do que pode ser o futuro tecnolóxico no tocante á electrónica de consumo. Deixei fóra os televisores porque neste momento a cantidade de tecnoloxías que hai aí (plasma, TFT, SED, proxectores, HD, TDT, cable, satélite…) fai imposible posicionarse, e mentres os contidos non melloren é ridículo meter cartos nun hardware que quedará obsoleto en nada (mentres que ós televisores de tubo aínda lles quedan uns aniños de vida).
Tamén cinguín a listaxe á electrónica, porque senón tería que soltar frikadas como a lanterna de Hal Jordan, un exemplar do Daily Planet da rodaxe de Superman II (o de Zod, para máis señas), o número de teléfono de… vaia, que por pedir… 😉
¿Alguén se anima a seguir co meme?
Debe estar conectado para enviar un comentario.