O urbanismo e ETA a debate

Esta noite, o programa de Hai Debate parece interesante: As recentes informacións xornalísticas sobre presuntas irregularidades urbanísticas, relacionadas en moitos casos coa corrupción nos concellos, volven por enriba da...

Esta noite, o programa de Hai Debate parece interesante:

Hai DebateAs recentes informacións xornalísticas sobre presuntas irregularidades urbanísticas, relacionadas en moitos casos coa corrupción nos concellos, volven por enriba da mesa o asunto. Son os concellos institucións “á mercede” dos intereses das empresas construtoras? A corrupción urbanística: é un mal que afecta a todos os partidos políticos? Son as competencias urbanísticas dos concellos a vía máis axeitada para o seu financiamento?

A situación urbanística de Galicia (co telón de fondo do crecente proceso de urbanización do litoral) e os casos de corrupción que afloraron no país serán obxecto de análise hoxe, a partir das 23.25 horas, no programa da Televisión de Galicia “Hai Debate!”.

No espazo que conduce a xornalista ferrolá Ana Rodríguez participarán os políticos Tareixa Paz (deputada do BNG e vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia), Xosé Manuel Lage Tuñas (deputado autonómico polo PSdG-PSOE) e Pilar Rojo (deputada do PPdeG no Parlamento autonómico). Fronte a eles, estarán os xornalistas Roberto Blanco Valdés (analista político de La Voz de Galicia e catedrático de Dereito Constitucional), Roxelio Garrido (subdirector do Faro de Vigo) e Xan Carballa (xornalista do semanario A Nosa Terra).

No primeiro tramo do programa, para centrar e introducir a cuestión sobre as irregularidades urbanísticas, o arquitecto e profesor da Escola Universitaria de Arquitectura da Coruña Pedro de Llano, será entrevistado no estudio 5 da Televisión de Galicia.

Xornalistas e representantes políticos debaterán, ademais, sobre o actual momento polo que atravesa o chamado proceso de paz en Euskadi. A “internacionalización” do chamado proceso de paz no País Vasco, despois do acordo aprobado hoxe polo Parlamento europeo: ¿Beneficia a ETA ou beneficia ao proceso de negociación? Como marco de fondo, a declaración do Parlamento Europeo de apoio á iniciativa do goberno de Rodríguez Zapatero e o roubo de 350 armas en Francia, executada presuntamente por activistas de ETA.

A eutanasia será o tema a abordar no debate “cara a cara” , no que participarán Teresa Hermida (especialista en medicina legal e forense e colaboradora da Fundación Pro Vida) e Dolores Sánchez (vicepresidenta en Galicia da Asociación Dereito a Morrer Dignamente).

O das irregularidades urbanísticas pode dar moito xogo (¡a ver o que di o noso compañeiro blogueiro sobre o asunto!), pero o tema de ETA igual se fai algo monótono (levamos moito tempo escoitando falar del en tódolos medios de comunicación) pero, en cambio, non entendo que a eutanasia sexa o asunto que peche o programa. ¿Non había temas de máis actualidade? Sen dúbida parecía máis interesante a disputa sobre o L coruñés a pasada semana.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...