Onte, El Correo Gallego publicaba a seguinte nova:
Hai debate! analizará hoxe os dous anos de Goberno da Xunta
Nas eleccións autonómicas do 19 de xuño de 2005, o Partido Popular, con maioría absoluta menos un deputado, tiña que ceder o goberno da Xunta á coalición integrada por socialistas e nacionalistas. No ecuador dos catro anos de mandato, Hai debate! analiza e fai balance dos dous primeiros anos de goberno. Está a ser a etapa da renovación democrática, da creación de emprego estable e do afondamento no autogoberno? Estase a cumprir o contrato asinado coa cidadanía ou foron dous anos de decepcións, como asegura o PP? Confirman os resultados do 27-M que o apoio á esquerda se vai espallando, por toda Galicia, a novos ámbitos?
Bieito Lobeira do BNG, Diego Calvo, do PPdeG e Xaquín Fernández Leiceaga do PSdeG-PSOE, exporán e confrontarán o balance, sobre estes dous anos de goberno, que fan os tres partidos que dominan hoxe a vida política galega. Como contrapunto ás valoracións dos representantes políticos, no estudo 5 da Galega, estarán os xornalistas Xavier Navaza, xefe da área política de EL CORREO; Xosé Luís Gómez, director da revista Capital, e Luís Villamor, cronista político de La Voz de Galicia.
Pero o prometedor que parecía o debate non acadou as espectativas por un problema técnico que me dá vergoña allea: o micrófono de Xaquín Fernández Leiceaga non funcionaba. Non sei se o problema era do micro, do cable ou da mesa de mesturas, pero o que está clarísimo é que un programa da TVG no que participan algúns dos políticos e xornalistas máis importantes de Galicia e que conta con dous técnicos de son acreditados non pode pasar algo así.
Ademais, o programa non é en directo, ou sexa, que é algo subsanable. Incluso se o programa fose en directo por algunha circunstancia, o problema podería terse arranxado durante o corte de publicidade. O único que se podería argumentar para non solventar o problema é que non tiñan máis micrófonos ou cable para pór un micrófono en condicións a Leiceaga, pero iso non cola nun plató dunha televisión autonómica. ¡E pór un texto pedindo desculpas na pantalla durante a emisión do programa non é de recibo!
O carallo do asunto é que tal incidencia a coñecen dende antes de comezar a gravar o programa (os preparatorios do Hai Debate cónstame que son longos) e alguén tivo que decidir que de prexudicar a algunha persoa non sería nin á presentadora nin a un xornalista, senón a un dos 3 políticos. ¡¿Alguén pode explicar iso?!
Podedes ver unha mostra do acontecido no seguinte corte:
Nótase que o son de Leiceaga se está a recoller polo micrófono de Diego Calvo (pois cando move papeis é un escándalo) e cada vez que alguén interrompe ó político socialista está claro que se escoita mellor ó seu interlocutor que a quen está no uso da palabra. Se estivesemos noutro país diría que se trata dun caso de censura, pero o PSdeG está no poder, ¿non? Entón, ¿a quén lle cae tan mal Xaquín Fernández Leiceaga para facerlle tal putada?
Tamén houbo outra cousa que me puxo dos nervos ó ver ó programa foi que cando Diego Calvo (senado á esquerda da pantalla) falaba con Xosé Luis Gómez (sentado á dereita da pantalla) dirixíase á súa esquerda e viceversa, ou sexa, que daba a impresión de que estaban sentados ó revés, rachando absolutamente a percepción espacial cun salto de eixo que non chego a comprender. Non me fixei no nome dos responsables do debate de onte, pero os fallos de raccord espacial son moi graves, e se os sumamos cos problemas de son… o resultado é un programa demasiado cutre para unha televisión autonómica (nunha televisión local é habitual ver ese tipo de pifias, pois non sempre se conta cos profesionais necesarios para facer as cousas ben).