Quen non vira onte Hai Debate na TVG está a tempo de velo pola Rede grazas ó servizo de televisión á carta da CRTVG, pero eu pola miña banda teño que comentar que me decepcionou un chisco a nova tempada. Se ben, a nova estética pareceume moi atinada (tanto no grafismo como no plató, pese a que me pareceu un pouco pequeno), quizais o cambio de presentadora non me convenceu (¿había que cambiala cando só conducira o programa uns 4 meses?) pero o que menos me gustou con diferenza foi que comezase cunha entrevista a Suárez Canal. A ver, ¿é un debate ou é un dos especiais do lume que se fixeron durante o verán?
O que me pareceu un tanto chungo foi o anuncio do programa, pois comezou cun “noite de luns, así que… xa saben, hai debate” dando por feito que o programa é habitual na programación da TVG cando leva 4 meses fóra da grella da programación. Coido que as chulerías tipo “como decíamos ayer” non se poden aplicar de xeito tan descontextualizado.
Non entendo cómo o programa inicou cunha entrevista feita pola presentadora (¿acaso os moderadores dos debates non teñen que evitar ese tipo de intervencións?) que durou preto de 20 minutos non que non engadiu ningunha información nova e repetiu discursos dos que vimos escoitando durante os últimos 2 meses… ou sexa, que aburriu ó persoal (así pasou dunha audiencia do 12,8% por parte de Pepe O’ Inglés a un 9,9%, que tampouco está mal).
Despois da entrevista, Suárez Canal respondeu a preguntas dos xornalistas, das que resaltaría a Luis Pérez (El Correo Gallego) forzándoo a falar da súa demisión (por aquilo de crear unha certa tensión no programa) e a Ernesto Sánchez Pombo, que deu a entender que a suposta descoordinación dos concellos coa Xunta durante a crise dos lumes non aconteceu só cos concellos gobernados polo PP, o que Suárez Canal non interpretou moi ben e case acabou mantendo a tese de que se trataba dunha trama incendiaria. Sinceramente preferiría que lle aforran o ridículo ó conselleiro, que non parecía nada ben asesorado para ese tipo de intervencións (alguén lle tería que dicir tamén cómo sentarse na mesa, pois había momentos que parecía que se deitaba nela).
Non entendín para nada que se tratase o tema dos lumes, dous meses despois da crise e para non engadir absolutamente nada. Iso no era un debate, era un repaso do verán, e para iso están outro tipo de programas.
O outro tema a tratar foi o Debate sobre o Estado da Autonomía, e como deixou en evidencia Luis Pérez, nin tratou do Estatuto de Galicia nin tratou da fuxida das empresas do noso país, polo que nin houbo Debate no Parlamento Galego, nin houbo debate en Hai Debate, agás algúns posicionamentos sobre o termo nación pero sen entrar en temas de competencias ou financiamento. Se non poñen temas sobre a mesa non hai discusión. Se só din o que pensa cada partido a xeito de discurso non se pode sacar nada en limpo. É máis, o feito de que os 3 políticos na mesa rematen o debate tan amigos, sen discutir en serio en toda a noite quere dicir que pouco debate houbo se de verdade coñecemos as súas posicións ideolóxicas.
Agardo que nas vindeiras entregas de Hai Debate melloren un pouco a cousa, ou sexa, que non fagan entrevistas, que non traian a convidados que só lles fagan a rosca ós políticos e que traten temas que poidan crear algún tipo de polémica e debate para que se saque algo produtivo do diálogo.
De feito, se van tratar temas como a fuxida corporativa de Galicia non lle vexo moito sentido a que nun lado da mesa senten a 3 políticos que pouco teñen que ver co asunto (tampouco comprendo por qué colleron esa dinámica no programa durante a primeira tempada) senón que deberían traer a empresarios, sindicatos, economistas… persoas que poidan discutir seriamente e amosar unha problemática coa que nos xogamos o futuro.
Para rematar, poño aquí unha selección de momentos do programa que comentei nas pasadas liñas: