Meigas na Galega

En La Voz publican o seguinte: A TVG estrea hoxe un magacín sobre fenómenos paranormais Esta noite ás 23.30 horas, a TVG estrea un novidoso magacín para os amantes...

En La Voz publican o seguinte:

A TVG estrea hoxe un magacín sobre fenómenos paranormais
Esta noite ás 23.30 horas, a TVG estrea un novidoso magacín para os amantes e seguidores do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais, titulado Antes do silencio. Presentado por Carmen Chao e dirixido polo escritor Xosé A. Perozo, o espazo contará cun equipo de xornalistas encargados de investigar os fenómenos descoñecidos que acontecen en Galicia.

¡Menudo medo! ¡A Galega emulando a Fríker Jiménez! A descripción oficial do programa e a seguinte:

Antes do silencioA Galega presenta o espazo Antes do Silencio, que trata sobre o mundo do descoñecido en formato de revista televisiva. Recolle micro-documentais, docudramas, testemuños, investigacións, novas… que se aproximan á temática sibilina e do ocultismo.

O espazo que dirixe Xosé Antón Perozo e presenta Carmen Chao, contará con tres temas principais cargados de suspense e misterio e, na medida do posible, actuais, aos que se tentará dar resposta ofrecendo as perspectivas máis diversas por medio de reportaxes ou coa participación de expertos en plató.

Os contidos que se programarán no espazo, que dura cincuenta minutos, estarán centrados na súa meirande parte en temas puramente galegos ou, de non ser así, tentarase aproximalos á realidade de Galicia. Dese xeito, algúns dos argumentos principais que se emitirán serán o misterio que envolve as catedrais, o enigma de Colón, a lenda dos lobishomes, o fenómeno extraterrestre, as pegadas dos Templarios, as psicofonías… entre outros moitos. A intriga coa que se tratarán estas propostas será a liña condutora coa que se tentará manter a atención do espectador.

A verdade é que teño tanta confianza en que o programa vai ser unha trapallada como certeza de que vai ser un éxito. Este tipo de temas sempre funcionan na televisión (agás que haxa saturación no mercado) aínda que me decepciona que se meta no allo a televisión pública, porque neste caso non se pode falar dun servizo público (como facían en TVE con Quién sabe dónde).
¿Apostas sobre o share que vai acadar o programa? Supoño que estará moi lonxe do 26,6% de Libro de familia pero coido que vai superar amplamente o 6,9% de Hai Debate (a ver se aprenden e eliminan a entrevista inicial e entran a trapo nos temas a debatir). Tamén hai que indicar que empeza bastante tarde, pero eu case poría a man no lume para asegurar que superará o 12% de share. ¿Alguén da máis?
ACTUALIZACIÓN: Case din co share do programa. Finalmente quedou cun 11,2%, pero eu contaba con que A vida por diante tivese máis dun 16,9%, polo que supoño que House, El Comisario e o fútbol terían algo que ver na ecuación.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS