Os xoves, ¿a noite moderna da TVG?

Despois de moitos cambios de imaxe a TVG parece que por fin pasou dun redeseño a un deseño novo, que non parece notarse na programación, agás quizais pola noite...

Despois de moitos cambios de imaxe a TVG parece que por fin pasou dun redeseño a un deseño novo, que non parece notarse na programación, agás quizais pola noite dos xoves, pois esta semana estrearon as series Maridos e mulleres e Ollos.
Eu boteilles un ollo para ver cómo eran, e teño que dicir que gustei das dúas, aínda que a de produción galega, Maridos e mulleres, peca de moitos erros que poderían facer que a serie se esnafrase en nada. Sosteñen que é a aposta urbana da TVG, pero coido que alguén na Compañía está a confundir á xente de cidade cos pijos, e iso pode quedar tan chungo como cando intentaron facer .
Maridos e mulleresA serie de Maridos e mulleres sorprendeume polo seu bo facer, xa que contaba con bastantes personaxes e gravacións en exteriores, algo moi pouco habitual nas series de aquí, sen que aparecesen os típicos cantazos de que as escenas gravadas fóra dos platós tivesen que ser dobradas despois (en Libro de familia resulta realmente escandaloso, pois semella que na dobraxe cambian o texto orixinal, o que non me sorprendería nada). Pero se hai algo do que non gustei da serie é da voz en off. Parecía que intentaban copiar a Mujeres desesperadas, agás polo feito de que nesta ocasión non se trataba dunha posta en situación inicial e unha despedida final, senón que a voz aparecía en cada cambio de escena, coma se fose os recadros descritivos dun cómic (que tamén pasaron de moda e agora redúcense á mínima expresión).
Deséxolle o mellor á serie, pero coido que non vai a funcionar como debería.

Da outra serie, Ollos, non podo máis que dicir marabillas. Esta é a súa sinopse:

Ollos Se alguén che roubase 100 dólares, chamarías á policía ou tamén á Brigada de Investigación Criminal; pero se es o presidente dunha empresa valorada nunha fortuna e teu director financeiro desfalca 100 millóns de dólares ante o teu nariz, a quen tes que chamar é a Judd Risk Management, tal é o lema que reza en Ollos, a nova serie de produción norteamericana.
As actividades das oficinas de Prevención de Sinistros Judd, Investigadores Privados está controlada por Harlan Judd, un axente tan intelixente como impulsivo, que dirixe unha empresa moderna, discreta e altamente cualificada para manexar casos relacionados coas instancias máis elevadas, operando a miúdo ao borde da lei.
Esta especializada empresa de Judd presta servizos detectivescos, de seguridade electrónica e vixilancia, todo elo da man dos seus expertos coma o propio Harlan Judd; a súa cultísima secretaria Meg ou a astuta avogada Leslie Town.

A serie é magnífica, contando con varios actores que xa pasaron por outras series de televisón. Así, o protagonista era o que lle daba voz a Superman na serie de animación, un dos seus traballadores é o cornudo da serie L, a negra cachonda saíra en Modelos (serie da que tamén saíu Carrie Ann Moss) e a avogado non é outra que unha das ex-mulleres de Mancini en Melrose Place… ¡manda truco! Pero tódalas aparicións quedaron á sombra da aparición de Jack Malloy (de Infelices para siempre, ou sexa, o dono do Sr. Floppy).
Quitando a sorna, a serie está moi ben feita, cuns argumentos intelixentes e unha realización brillante, pero coido que a audiencia non vai responder ben e acabará ás altas horas da madrugada.
A serie só ten unha tempada de 12 episodios e, aínda que está considerada como moi boa, nos EE.UU. non tivo unha boa acollida, e a audiencia a maltratou, de aí que non durase. Iso parece querer dicir que a serie vai ir en declive ou van ser moi repetitiva, polo que uns bos primeiros episodios non teñen por qué converterse nunha serie sólida. Ademais, como a TVG vai emitir os episodios de dous en dous, en pouco máis dun mes xa van ventilar a serie enteira, polo que supoño que a programación dos xoves é só un campo de probas para ver cómo funciona Maridos e mulleres. Sospeito que se a serie galega vai ben son capaces de alongar a duración dos capítulos ou completala cunha boa serie estranxeira, pero se vai mal… cambian a grella do xoves cando remate Ollos e punto.

Iso si, para min o mellor de toda a noite foi ver que anunciaban que para a semana que vén volta á programación Hai debate, pois leva unhas 3 semanas aparecendo na guía da programación que vén coa Voz de Galicia e a TVG seguía sen retomar o programa. Agora quédame a dúbida co programa de Barreiro (que parece totalmente recuperado do seu accidente de tráfico no verán). ¿Retomarán Volver ao rego na nova tempada da TVG?

ACTUALIZACIÓN: En VerTele publican as audiencias da noite de onte, e Maridos e mulleres acadou un boísimo resultado (o 18,7% da audiencia), mentres que Ollos acadou un 10,5% e un 12,9% (botáronse 2 episodios). Parece que as novas series aprobaron na súa primeira entrega.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS