A Galega comeza a súa suposta renovación

¡Menudo cambio! Si, a TVG prometía renovarse, e resulta que tralo verán nos amosará practicamente a mesma programación que había antes das vacacións… ¡iso é toda unha revolución! Iso...

¡Menudo cambio! Si, a TVG prometía renovarse, e resulta que tralo verán nos amosará practicamente a mesma programación que había antes das vacacións… ¡iso é toda unha revolución! Iso si, coido que se están a portar moi ben coas revistas que informan sobre a programación televisiva, porque me dá a impresión que lles transmitiron información errónea sobre a grella dos vindeiros días (no suplemento de La Voz de Galicia falan de Hai Debate para o luns e coido que aínda tardará unha semana máis en volver ás pantallas).

Para comezar os cambios, o vindeiro domingo volverá á TVG a serie Libro de Familia con novos episodios nos que poderemos continuar a facer un seguimento das vidas dos veciños de Santalla, aínda que me parece que a serie vai comezar a perder pulo, pois xa desapareceron moitos dos actores iniciais e as historias comezan a repetirse. De tódolos xeitos, continuarán a ter amarrados a tódolos melidenses ó televisor xa que a serie se grava no Cerne de Galicia.

O luns estrearán o concurso A Polo Bote (¿estará o nome inspirado en A Polo Ghit?) que presentará o actor (de Mofa e Befa) no que supón outra aposta da TVG por novas caras 😛
Ademais tamén botarán Pillados (programa de cámara oculta) e Pepe O Inglés (a ver se desta volta ten máis éxito) e completan o prime time coa película Wild Wild West de Will Smith que supoño que fará de parche mentres non comeza a nova tempada de Hai Debate. E, claro, a película comeza ás 23:41, hora tardía pero que podería estar ben para emitir Somos unha potenzia, que se verá relegado á 1:36, ou sexa, que sospeito que é o último programa que terán por aí enlatado e non quererán tirar con el. ¿Non poderían deixar que o programa se despedise con dignidade?

Despois póñome de mal humor ó ler entrevistas como a que lle fan a Suso Iglesias (director da TVG):

Jesús Iglesias: “TVG levaba xa demasiados anos incidindo na mesma imaxe”

Jesús Iglesias fai un repaso da súa xestión e dalgúns dos seus proxectos a pouco tempo de cumprir o seu primeiro ano no cargo de director do ente autonómico

Afirma que a sociedade galega demanda un cambio pero a heteroxeneidade do público fai difícil poder contentar a todos

Suso IglesiasJesús Iglesias traballa na Televisión de Galicia desde hai uns dezaoito anos. Sempre na área de contidos, realizou varios programas desde os guións ata a dirección. Procede do periodismo escrito, traballou no Faro de Vigo –na Coruña–, durante dez anos. Tamén participou desa lamentablemente curta experiencia que foi o Diario de Galicia e, posteriormente, mantivo colaboracións ocasionais noutros medios. Un dos seus maiores éxitos na TVG foi a creación do Xabarín Club.

Ademais, exerceu como correspondente de EL CORREO GALLEGO na zona da Coruña e Ferrol. Dentro duns poucos días (13), cumprirá o seu primeiro ano no cargo de director, admite que “as televisións son empresas difíciles de xestionar” e, mirando para atrás engade: “O escenario que encontrei foi coincidente coa irrupción de novas canles e iso complicouno todo”, di en alusión ás perspectivas futuras “e ós camiños para trazar”.

Precisamente, a competencia das novas cadeas fixo que a TVG perdese a transmisión dos partidos de fútbol dos sábados. Esa circunstancia motivou a preparación por parte de Televisión de Galicia dunha querela, amparada na lei que protexe a defensa do idioma propio de cada comunidade pero, mentres non se resolva, as cousas seguirán difíciles para poder satisfacer un segmento da audiencia especialmente interesado neste deporte. Queda a emisión dos partidos do Celta na UEFA, pero o director coida que iso non é suficiente.

– Tamén resultaría difícil asumir as tarefas de dirección nunha época de cambio político

– Si. Porque a palabra cambio instálase na sociedade e a xente quere que a TVG sexa tamén o reflexo de algo novo. Ocorre que ás veces hai que preguntarse ¿que é o cambio?, ¿que hai que cambiar e que non?
O que pasa é que en cada casa hai un televisor e todo o mundo opina e, como o público é heteroxéneo, contentar a todos é moi difícil, entón hai que ter paciencia, manterse frío e non esquecer que unha televisión xeneralista e pública debe respectar a todos os espectadores, na marxe da súa condición social ou do seu tipo de gustos. Hai públicos que non son xenerosos co público veciño e ese é o pulso da dirección, hai que facer contidos para o público e non para un mesmo nin para os seus amigos.

– Neste tempo produciuse un gran movemento na grella, ¿estaba esgotado o modelo anterior?

– A televisión levaba demasiados anos incidindo na mesma imaxe cara ós espectadores. Iso non era bo. Había que facer un esforzo inicial, rápido, para renovar caras, contidos, probar formatos novos, sobre todo na área de programas, onde existía un monocultivo moi antigo, que se entende desde o punto de vista que dá ter algo que funciona, pero tamén hai que ser comprensivo cun público que crece, evoluciona e sempre está vendo o mesmo en pantalla. Por iso se respectou aquilo que funcionaba moi ben e deuse a oportunidade para que o sector (produtoras, profesionais) probara novos formatos e adestraran para facer as cousas cada vez mellor.

– Pero estas probaturas propiciaron incluso as queixas do PP que denunciou un descenso da audiencia.

– A actitude do PP é a máis lóxica. Trátase do partido da oposición e está para criticar as accións que se derivan da Administración e do seu contorno. Pero creo que se precipitou un pouco na crítica. O PP non contemplou a perda de audiencia que supón o nacemento de novas cadeas. Desde hai un ano, repartíronse xa entre 14 e 20 puntos coas temáticas, que subiron, e as novas. O mes pasado, por primeira vez, ningún chegou áa cifra do 20; nin sequera Telecinco, nin Antena3.

– Falando de audiencias e de non tocar o que funciona, o caso de Libro de familia é unha clara demostración ¿non si?

Libro de familia é unha serie moi ben feita, moi ben pensada para o perfil do espectador galego, e descansa sobre varias tramas ben estruturadas. Vena os adultos e os nenos. Está pensada por profesionais, mesturando amor, humor, sentimento e nostalxia dunha Galicia anterior e creo que esa é a clave do seu éxito. É unha satisfacción ter unha serie así que nos garante que o domingo sexamos líderes no horario principal.

– Incluso superando a todas as cadeas nacionais ou privadas…

– Por suposto, é un éxito tamén comparada con outras autonómicas e competindo con series como Aída, por exemplo, pero é que encontrou o seu oco na nosa pirámide de poboación cun público ó que chega porque se identifica. Algo parecido pasou con Pratos combinados.

– Pero xa non está na grella.

– Foi polos seus propios creadores que así o decidiron antes de que eu asumira. Nosoutros vivimos aínda dunha renda de 26 episodios novos que nos deixaron. No verán que é cando nosoutros tratamos de gastar poco diñeiro, emitimos dous ou tres capítulos antigos seguidos e teñen outra vez un éxito brutal. Desexo que actores como Morris, Ernesto Chao ou Pico, volvan axiña a esta cadea con outro proxecto porque son moi bos profesionais e moi queridos polos espectadores.

Ademais, en El Correo Gallego engaden o seguinte:

Programación: Volven ‘os novos’

A programación para esta temporada revitaliza contidos e dá lugar a novos espazos. Entre as novidades destaca o cambio da imaxe de continuidade da cadea, con novo deseño. A partir do luns 25, cambiará tamén a imaxe dos informativos.
Reestrearase –por pedido expreso dun sector do público– a serie Os novos que se emitu nos primeiros anos de Televisión de Galicia. Ademais, estrearase a serie Maridos e mulleres, que é unha produción galega, de neto corte urbano.

Volven A vida por diante, que aguantou ben o golpe do Mundial de Fútbol; Alalá, con formato de documental e musical; a serie cómica Pepe o inglés; nun mes regresará O show dos Tonechos. Tamén se potenciará Pequeno gran show, coa participación de nenos. Pero a gran novidade é un programa de corte cultural, denominado
A casa de 1906, reality polo cal, durante un mes e medio, dúas familias viven nunha aldea galega, cos medios do ano do título do programa (1906), sen luz, cociñando con lareira, criando e coidando animais…

Unha das familias é unha familia urbana e a outra unha familia rural e habitan en dúas casas próximas a unha á outra, competindo entre elas para ver quen gaña.

En Luar presentarase o xurado e desde alí tamén se vai realizar o seguimento dos acontecementos acaecidos nas dúas casas.

¡Como mola! ¡Volve o Show dos Tonechos! Iso lémbrame á intervención que fixeron Roberto e Víctor no Mundo Verbena dicindo que a xente lles preguntaba cándo ían volver á Galega. ¿Pero acaso alguén se decatou de que marcharan? ¡Se Os Tonechos xa son como Pratos Combinados! Eles non seguirán cobrando, pero os seguen a botar unha e outra vez en antena. Se retomar ós Tonechos, iniciar un par de concursos novos e renovar as series de televisón en curso son as grandes apostas de renovación da Galega non sei para qué lanzaron unha super-campaña de renovación de imaxe que polo que se veu só serviu para lanzar un aborto de páxina web:
agalega.es
Ó tío que fixo o Flash da web de agalega.es habería que darlle unha somanta de paus. A animación vai a golpes, o son raia moitísimo, o ficheiro en Flash ocupa unha barbaridade… se entregase esa web para unha empresa privada xa estaba o tío volvéndoa a empezar dende cero ou buscando un novo traballo.
Por certo, falan dunha televisión informativa, próxima e participativa, pero coa web non dan moi bo exemplo que se diga, pois non se pode facer nada na mesma agás ver unha animación que desespera a calquera (seguro que a empregan nas torturas de Guantánamo).

Haberá que agardar a finais de ano para ver se a segunda canle autonómica trae aires de cambio.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...