A Televisión de Galicia vai mudar de programación, imaxe e nome o vindeiro día 12, de xeito que estamos a agardar con inquedanza o que nos dará a nova canle que a partires dese intre se chamará A Galega.
Actualmente a TVG está a emitir unha serie de cortiniñas que avanzan a nova imaxe:
Supoño que co de “A Galega, mira e verás” non estarán a facer referenza ó profesor Jorge Mira (de Cifras e letras). Iso si, o novo logotipo, que adiantaron en El Confidencial Digital, non me acaba de convencer, aínda que igual ó velo un pouco xa me afaga. Ó parecer a mosca da tele vai quedar nun G, ou sexa, que será sinxelo, e a campaña de promoción da canle tamén se está a ver na Internet dende o que se supón que será a nova web da televisión, que neste momento reza que faltan 9 días para o cambio. Iso si, para ver a web hai que agardar unha barbaridade, xa que está feita cun ficheiro en flash de 6 Mb de tamaño (moito non pensaron, non). Agardo que despois teñan unha web independente da Compañía, xa que na actualidade a páxina oficial é unha aberración, xa que fala case de todo agás da radio e da televisión (¿de quén sería esa idea tan boa?).
Unha vez que sabemos que a TVG se vai chamar A Galega, quédanos unha grande dúbida: ¿cómo se chamará a segunda canle autonómica pública que se vai crear antes de rematar o ano?
De tódolos xeitos, logos e nomes aparte, o importante son os contidos televisivos, e desconfío que vaiamos ser testemuñas dunha revolución no panorama audiovisual galego. Cando menos espero que retomen os programas dos que máis gustei na tempada como Hai Debate, aínda que desconfío que o programa que non veremos será o de Volver ao Rego (non souben nada do estado actual de saúde de Barreiro Rivas tralo seu accidente de tráfico, pero parece que xa está recuperado, pois segue a escribir en La Voz). Pero claro, se retoman todos eses programas e os emiten en horarios propios do vampiro Vladimir xa lles poden ir dando por onde se empezan os cestos.
Ademais, dá algo de medo que incrementasen a audiencia un 1,8% de xullo a agosto, porque iso significa que trapalladas como as dos Tonechos lles sairon ben, así que igual volvemos ós tempos da Telegaita, retomando a Piñeiro e buscando unha sucesora (¿ou debería dicir sucedánea?) de Ana Kiro.
Agora, cando leo textos coma o que publican en A peli do día relatando a actualidade da TVG non podo deixar de asentir. Tamén podemos botar unha ollada á definición da TVG que da na Inciclopedia, que pese a que debería ser humorística, chega a ser ofensiva (especialmente nas apreciacións lingüísticas). Vistas as dúas caras da moeda, ¿cómo é posible que haxa tantas cousas en común entre os dous pareceres? Porque está claro que tanto a xente moza e moderna coma o meirande carcamal que poidamos atopar coincidirán en que a TVG vai de mal en peor, agás unhas poucas excepcións. ¿Cómo é que non se lle piden contas a ninguén? Porque non estou falando das audiencias, ¡estou falando da calidade!
Coido que xa chegou de clonar a programación anterior cambiando só as caras. ¿Onde están as prometidas novidades? Como non as vexamos durante as últimas semanas de setembro a Galega estará perdida. Agardemos que non sexa así, e que por fin non acheguen a renovación que todos estamos agardando.