Who wants to be a superhero?

Os frikis e tolambrans de SciFi Channel organizaron un concurso tipo Gran Hermano en plan superheroico, no que os participantes teñen que inventarse o seu propio superheroe, e interpretalo,...

LemuriaOs frikis e tolambrans de SciFi Channel organizaron un concurso tipo Gran Hermano en plan superheroico, no que os participantes teñen que inventarse o seu propio superheroe, e interpretalo, de xeito que gañará o que elixa o popular Stan The Man Lee (guionista de Spider-Man e moitos outros personaxes) que fará de xuíz e xurado. O título non é moi orixinal: Who wants to be a superhero? (lembra ó Who wants to be a millionaire?, ou sexa, o 50×15)
O concurso funciona con eliminatorias, de xeito que comezan 11 e só remata 1, que como premio contará con que Dark Horse editará un cómic baseado no seu personaxe e SciFi fará unha película protagonizada polo gañador. Aseguran así que gañar o concurso é un xeito de acadar ¡a inmortalidade!
Ata o momento está a resultar rechamante que os participantes se toman bastante en serio a personificación dos heroes, que teñen uns poderes bastante tópicos, pero que nalgún caso incluso resultan curiosos como Cell Phone Girl (ou sexa, a moza-móbil), que move obxectos coas ondas dos móbiles e lanza raios de lume dende o seu móbil… ¡pero que resulta vulnerable cando perde a cobertura! ¡E logo dicían que a kriptonita era orixinal!
Major Victory, Creature, Lemuria e Monkey Woman en cómic
O personaxe máis tópico de todos é o Major Victory, que vén a ser o Superman de turno, mentres que o máis ridículo coido que é a Fat Momma, unha negra gorda que ten coma berro de guerra “salvar o mundo, e un donut cada vez“.

Os participantes

No concurso eliminan a 2 personaxes por programa, de xeito que na primeira entrega os patéticos Nitro G e Levity. O Nitro G é un pítico nachiño superforte con pinta de paleto vestido con rouca cinguida, mentres que Levity quixo aproveitar o poder rosa e apostou por presentarse coma o defensor das minorías… pero coido que intentar aproveitar ese tipo de argumentos hoxe en día xa está moi pasado de moda.
Na segunda entrega do concurso Iron Enforcerer e Cell Phone Girl. Unha mágoa o da rapariga-móbil, pero o Iron Enforcerer tivo sorte de chegar tan lonxe, xa que simplemente se trataba dunha copia do Jax de Mortal Kombat pero cunha vulnerabilidade que me lembraba a algún outro personaxe de ficción, xa que Iron Enforcerer ten medo a voar (chamarei a Murdock para que o leve a dar unha volta).
A terceira entrega, a última polo momento, é na que caeron Ty’veculus e Monkey Woman, os personaxes máis hilarantes do programa, o primeiro polo seu ridículo nome (iso de que remate en culus…) e a segunda porque coido que se tomaba moi en serio o seu papel, e facía o mono dun xeito bastante simpático. As súas armas eran plátanos, así que ridículo si que tiña que parecer o conto.

Agora, no concurso quedan 5 participantes:

  • Creature, unha loira con poderes curativos e máxicos que ten unha debilidade tipo Sansón (o seu pelo é a súa febleza) é que vén a ser a participante atlética que funciona porque ten bo físico
  • Fat Momma, unha señora que aumenta de tamaño cando se anoxa, que supoño que funcionará a xeito de personaxe gracioso e apostaría a que será das vindeiras en caer.
  • Feedback, o personaxe máis friki con diferencia, xa que o seu poder consiste en poder extraer os poderes dos personaxes dos videoxogos. Se fixeran a película seguro que resultaría demasiado cara, pois tanto podería facer un hadou-ken coma empregar calquera dos poderes dos X-Men… ¡precisaría demasiado presuposto! Iso si, tería moita coña, porque incluso podería coller poderes de Super Mario ou dos Snow Bros e daría situacións sumamente graciosas.
  • Major Victory, o Superman da historia, que agardo que non gañe, pero que ten unha debilidade que mola bastante: padece intolerancia á lactosa
  • Lemuria, que lanza raios e bolas de lume, pode voar e extraer a enerxía de seres vivos aínda que é vulnerable á oscuridade de aí que o seu berro de guerra sexa “¡Ola, Sol!“. Coido que é a baza latina do concurso.

A cousa non está nada clara, e eu apostaría que a Creature e Fat Momma o teñen difícil para superar o vindeiro programa, de xeito que a final quedaría nunha encrucillada que decidirá Stan Lee:
Stan Lee

Agardo que non gañe Major Victory por ser un personaxe super-tópico, pero elixir entre Lemuria e Feedback podería ser complicado, xa que está claro que os personaxes femininos sempre venden na televisión, mentres que son os masculinos os que arrasan no mundo dos comics… ¡¿a que son capaces a mesturalo todo?! Si, si, se ó final seguro que gaña un o concurso e enchufan a un par de participantes máis na película para montar un super-grupo mentres que un par de concursantes desbotados poderían exercer como malvados antagonistas. ¿Apostamos?

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS