Somos unha potenzia: o programa moucho

Esta semana, pese ó nefasto cambio de horario, o programa de Somos unha potenzia foi moi digno, e incluso diría que gañou moito en ritmo (especialmente se o comparamos...

Esta semana, pese ó nefasto cambio de horario, o programa de Somos unha potenzia foi moi digno, e incluso diría que gañou moito en ritmo (especialmente se o comparamos ó da semana pasada).
O primeiro bloque do programa contou co adestrador do Celta de Vigo, Fernando Vázquez, que se complementou con Antonio Durán Morris de xeito que non resultou unha entrevista coñazo.
Nesta ocasión unha das seccións que me gustou (e debe de ser a 2ª vez que pasa tal) foi a das clases pasivas no sofá:
Iso de facer coñas sobre a inutilidade das guías telefónicas é cada día máis atinado. ¿Para qué serven agora as guías? Polo que sei só son folletos publicitarios que se converten en lixo, xa que a cada casa chegan media ducia de guías cada ano, e só serven para localizar establecementos persoais, xa que os números de móbiles non figuran e, polo tanto, non teñen fichados ós particulares.
Eu así, de memoria, podo dicir que na miña casa teño as Páxinas Brancas, as Páxinas Amarelas, as Páxinas Galegas e a QDQ… e no caso de empregar algunha só uso a QDQ porque como é pequeniña (e ten teléfonos de operadores distintos a Telefónica) paréceme a mellor refencia, pero o normal é que mire na Internet, así que se poderían aforrar o papel e o reparto deses tochos que só serven para que os rachen en campionatos de fortachóns.

No segundo bloque do programa participaron personaxes coma O Carrabouxo e O Bruxo (flipante que lle deixaran facer apoloxía do seu fraguismo), coas típicas seccións de sempre, das que sempre destaco a Chus e a Lucía, As Rumorosas:
Nesta ocasión, aparte de amosar unha serie de fotografías curiosas (das que, por variar, non deron a fonte), puxeron unha canción que me lembrou moito a Zapping, xa que era o suposto Himno de Telefónica. Esa canción saiu hai case 3 anos en algunhas webs e nunca se confirmou que se chegase a empregar por ningunha empresa de Telefónica, polo que podería ser froito dunha proposta publicitaria rexeitada nalgún país latinoamericano.
De tódolos xeitos, a canción non ten desperdizo:

A letra é a que segue:

Trabajando, cada día
Compartiendo alegrías
Sabemos hacerlo
Vamos a dar lo mejor

Trabajando, en equipo
Los desafíos alcanzaremos
Porque sabemos hacerlo
Vamos a dar lo mejor

Trabajando, cada día
Compartiendo alegrías
Sabemos hacerlo
Vamos a dar lo mejor

Trabajando, en equipo
Los desafíos alcanzaremos
Porque sabemos hacerlo
Vamos a dar lo mejor

Vamos a dar lo mejor

Telefónica, Telefónica
Una pasión día a día
Es alcanzar nuestros sueños
Siempre con una sonrisa

Telefónica, Telefónica
Una pasión día a día
Es alcanzar nuestros sueños
Podemos hacerlo

Vamos a dar lo mejor

Porque somos Telefónica.

Unha mágoa que cortaran a parte marchosa da canción, que a podían deixar 10 segundiños.

E para rematar, despois da seccións de alcaldes polo mundo (que esta semana quedou misteriosamente sen cabeceira), por suposto, o monólogo final de Carlos Blanco:
Esta vez pareceume un monólogo breve e tópico, pero non estivo mal. Moloume o momento “está o pirolas” porque é algo co que se pode identificar calquera. Tamén está ben que chamara ó raciocinio de cara a elixir o noso enderezo de correo electrónico (cando é de carallada ou tes que deletrear… vai pensando en buscar outro).

Coido que con este semana queda claro que o programa mellora día a día, e na semana pasada notamos un baixón de calidade precisamente porque era un programa anterior ó que tocaba. De seguir a progresión Somos unha potenzia podería ser o late show que queremos, pero que algúns non queren que se consolide (ou tal parece cando o emiten á 1:15 A.M. xusto antes do programa relixioso A Sentinela… ¡manda carallo!).
Ah, e no tocante ás audiencias, O show dos Tonechos, coas súas 3 horas de duración tivo unha audiencia de entre o 21,7% e o 14,9%… si, ¡o 14,9%! Ou sexa, que supoño que corresponden á última hora do programa, o que viría a confirmar que a franxa horaria que ocupaba Somos unha potenzia é unha merda que non salva nin o populismo dos Tonechos. Iso si, Somos unha potenzia só acadou o 11,4%, o que non está nada mal (outros programas da TVG como Escola de surf só teñen o 3,5% do share), pero resulta frustrante se contamos que a competencia son as teletendas e os programas/concurso de 906. Pero o share dá igual nun horario que só ven a televisión os mouchos.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS