Non sei se eu sería o único, pero quedei un tanto sorprendido polo que fixo a TVG co programa Somos unha potenzia. Por unha banda, parece que cada día comeza máis tarde (xa non é un programa dos luns, senón do comezo do martes) e, pola outra, a gravación desta semana tiña que preceder á de hai 15 días. Para afirmar tal baséome en que as rumorosas puxeron un vídeo que esqueceran no especial das curvas (que coido que era o segundo programa) mentres que Carlos Blanco comentaba que no vindeiro programa falaría das Padereteiras en celo, que foi xusto o monólogo da semana anterior ó Día da Patria (no que non houbo programa por haber festa na TVG).
¿Por qué cambiarían a orde dos programas? ¿Non se dan conta que a xente que siga o programa se decatará así de que están gravadísimos? E iso sen quitar que algún terá un déjà vu e todo.
Pero, deixemos a cagadísima da semana e vaiamos ó programa en si. Outra vez máis, o primeiro bloque do programa parece que está bastante ben, ó elixir un convidado interesante, que neste caso foi o grupo Milladoiro, o que debeu de ser todo un reto por aquello de que son moitos compoñentes para meter no plató de Somos unha potenzia (por sorte, non foron todos). Os tíos fixérono bastante ben, aínda que non pillaron tódolos chistes. Por suposto, como outra semana máis, a sección dos Espías en Prácticas me pareceu unha trapallada inexcusable.
Logo tamén foi salientable a coña do air gaita coma contrapunto do air guitar, aínda que no programa de Carlos Blanco non había ningún cun suxeitador de Hello Kitty:
Ah, e a camisola de Lucía Aldao tamén estaba chula:
Se non erro, o deseño é de Nicetrip.
O segundo bloque do programa foi tan variado coma de costume, cun sketch de No Sofá que parecía quitado de Os Novos (por aquelo de facer o porco) e cunha entrega de Desencontros que terían que desbotar xa que o cámara a pifiou de mala maneira e non fixo o balance de brancos, polo que saiu todo gravado como cando configuras unha cámara dixital para gravar un interior iluminación de barras fluorescentes e logo saes á rúa:
Supoño que ó final deixarían o clip para non quedar mal cos actores, aínda que en boa medida é comprensible o fallo do cámara xa que se empregou un camascopio con pantalla TFT… xa sabemos que con moita luz non hai que vexa nada nesas pantalliñas… aínda que iso non é desculpa para non balancear a cor na cámara.
Pola súa banda, as Rumorosas falaron da web de David Cal, amosando algunhas fotos do deportista, as que acompañaron cun clip dunha campaña de concienciación para levar o casco en moto (feito con moi bo humor, o que parece preferible ós típicos anuncios da DGT):
Para rematar, coma sempre, Carlos Blanco soltou un monólogo, pero nesta ocasión pareceu moi forzado, xa que procurou xuntar elementos do programa que non casaban moi ben, e realizou varios adiantos do monólogo seguinte (que ó final sería o anterior). Por desgraza, o comezo do monólogo repetía un par de coñas que xa fixera Blanco ó comezo do programa, polo que soou a repetición, e é que é difícil estar facendo chistes todo o programa sen repetir coñas. Xulgade vós mesmos: