Somos unha potenzia: ¡coincidencias!

Impresionante, o programa foi impresionante. A verdade é que o primeiro bloque do programa (que normalmente atopaba moi espeso) desta vez foi máis doado de aturar (aínda que a...

Pintada en MelideImpresionante, o programa foi impresionante. A verdade é que o primeiro bloque do programa (que normalmente atopaba moi espeso) desta vez foi máis doado de aturar (aínda que a sección do espía non me convence) e a entrevista estivo mellor levada que nas ocasións anteriores. Pero os Cinco Lobatos desta semana deixáronme flipado, por unha banda, porque me molou a foto do punky co can e, por outra, porque a pintada de Galiza Nova co Goodbye Fraga está enfronte da miña casa en Melide (e non desconfiedes de min, que eu non controlo de pintadas). Incluso podo comentar que dende a habitación de meu irmán se pode ver perfectamente tanto a pintada como a desfeita urbanística que hai detrás da mesma. Iso si, non se trata dun caso urbanístico como o que comentan no programa, senón que é un deses problemas de tiro unha casa e logo están a piques de caer as do lado e métome en pleitos. Cousas que pasan… na rúa Progreso… que non a do progreso…
A proba, por suposto, en vídeo, coas dúas fotos que máis me molaron da sección de Xurxo Lobato:

De tódolos xeitos, foi a segunda sección do programa da que máis gustei (coma de costume) e é que desta vez o convidado principal foi toda unha ledicia para min, pois dende pequeno admiro a Farruco coma humorista (sei de memoria as cintas de Farruco: Farrucadas e Farruco: Carralladas) e aínda que moitos sexan crítico con el, sempre me deu boa impresión. Incluso un día o abordei pola rúa e me puxen a falar con el e, en vez de molestarse, como fan moitos outros famosetes, atendeume amablemente. Incluso lle dixen que o meu irmán non paraba de imitalo e soltou un “o que tedes que aturar“. Todo un personaxe… aínda que me cae mellor o seu sobriño Diego, que é un informático de proveito 😉
Para rememorar a intervención no programa, aquí vai un fragmento:

E non podía faltar, como tódalas semanas, a crítica das Rumorosas, que nesta ocasión me deixaron desarmado completamente, pois aparte de pór unhas fotografías moi orixinais, completaron a faena co videoclip do Liberal que puxen neste mesmo blog, ¡e incluso me citaron! ¿Cómo vou criticar iso? ¿Podería ser tan desalmado? Pois si, porque teño que decirlles ós responsables do programa que se queren converter un vídeo en FLV a outro formato non seberían empregar unha versión de proba do Total Video Converter 😛
Despois dese comentario tan friki teño que agradecer ás mozas o feito de que citasen esta páxina tan humilde como tola. Ah, agardo que lle vaia todo ben a Chus, porque a Lucía xa a vin no San Xoán, e coido que, como Chus non apareceu no directo de Zapping é que tería unha cousiñas importantes que facer nas que a sorte xoga un factor moi importante. En caso de que se torceran as cousas un chisco, xa sabedes o que toca dicir: “O importante é ter salú“.

Iso si, o programa rematou de novo cun tremendo monólogo de Carlos Blanco sobre as festas de verán:

Flipo con estes monólogos. ¿Serán só cousa de Blanco ou axudarán os guionistas a facelos? Como continúen con ese nivelazo imos ter que pedir unha recompilación en DVD.

Para rematar teño que deixar claro que foi todo unha coincidencia que saia unha pintada melidense o mesmo día no que citan ó meu blog no programa, xa que eu nin sabía que Lobato sacara unha foto na miña rúa, pois a única vez que vira retratada a pintada fora na web de Galiza Nova. ¡Tres hurras por Lobato e catro hurras por Melide!

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS