Non sei o que estará a pasar co programa de Somos unha potenzia, pero esta semana desconcertoume, pois iso de falar con científicos e tocar o tema do Alzheimer non me parecía coherente con respecto das anteriores entregas. ¿Será que como houbo críticas decidiron dar un enfoque máis serio dos temas a tratar? Porque non se trata dunha aposta por evitar a temática política, xa que neste caso se foi directamente por unha das apostas máis claras do Goberno actual: a lei de dependencia.
Pero quitando a temática do primeiro bloque (que me pareceu un ladrillo) o segundo apartado do programa foi máis animado, coa presenza de Sergio Pazos, unha carreira de caracois e un monólogo final bastante atinado.
Sergio Pazos tivo bo rollo co programa, aínda que iso de que lle preguntasen por CQC non parece que fose o mellor do mundo (¿non se debería comezar a fuxir dos tópicos ou de temáticas que xa van vellas?), pero levou ben iso da carreira de caracois e, especialmente, a coña da Ovella Otero (e os peitos musicais da rumorosa Chus). Foi un momento bastante pavero:
Logo, a sección das Rumorosas na que falan da Intenet, todo o que ven na Rede é peixe, consistiu nuns vídeos de hostias, varias imaxes simpáticas e unha imaxe sacada de Aduaneiros Sem Fronteiras na que se vía a unha gaiteira sexy que creou certa polémica:
A verdade é que na sección de Internet continúo a botar en falta os enderezos das webs das que se fala, xa que sen ver en pantalla as URL é difícil chegar a elas sen non se coñece o blogomillo. Supoño que irán pulindo ese tipo de detalles.
Para rematar, o monólogo de Carlos Blanco foi toda unha gozada, repasando unha chea de tópicos asociados ó mundo do automóbil:
Tivemos así outra nova entrega dun bo programa en potencia que continúa a ter moitos altibaixos (o primeiro bloque pareceume pouco axeitado e bastante aburrido, aceptable só nun programa diario, pero non nun semanal) aínda que as cousas que me gustan do programa permanecen aí. Iso si, a meirande parte dos micro-espazos son decepcionantes, pois reitero a miña opinión de que agardaba moitísimo máis de seccións coma Desencontros (tampouco gusto nada do espía, aínda que o actor é moi simpático e bo home). De tódolos xeitos, continúo a dar o meu apoio a este programa que agardo que mellore ó longo do verán ata converterse no referente da nova programación da TVG.
27 Xuño, 2006