Na Televisión de Galicia hai momentos que pasan á historia, como cando en 2007 ao reporteiro Alberto Mancebo unha nena nunha gardería espetou un sonoro «nos pegan» ou cando no Luar contestaron mal ao teléfono a Gayoso (aínda que a chamada realmente era unha broma de Xacobe Pérez Paz), pero non esperaba que esta semana puidésemos vivir algo semellante co gallo dunha conexión en directo do programa A Revista na que Carmen Pérez lía unha boa cando, na procura dun seareiro do Dépor, pesca a un asiático cunha camiseta do F.C. Porto.
Normalmente estou atento ás conexións entre A Revista da TVG e o Galicia por Diante da Radio Galega, e este martes Loly comentou que viñan de vivir un momento moi curioso nunha conexión co estadio de Riazor, polo que fun buscar o momento, cortei a imaxe para que se vise o vídeo da conexión en grande, e compartino en Twitter e Facebook para manter esa dinámica entre o programa de televisión e o de radio que tanto xogo deu nos últimos meses.
O que non podía esperar é que en Facebook o vídeo superase nun par de días as 80.000 reproducións (o que xa é unha tolería) e en Twitter, un tal Iván Vicente Simal, en vez de rechouchiar a miña publicación optase por compartir unha captura de vídeo da pantalla no seu iPhone (polo que non recibín notificacións de tal actividade) que rematou sendo replicada por Íker Casillas, polo que xa vai camiño das 600.000 reproducións. Unha tolería!
Pero o mellor de todo é que, grazas á viralidade do vídeo, xurdiu na Rede unha fotografía na que podemos ver ao mozo asiático na Praza de Pontevedra vestindo unha camiseta do Deportivo. Este tipo de fenómenos son dignos de estudo, e confeso que gustaríame moito poder intercambiar unhas palabras co tal Kim para afondar na historias das súas camisetas.
Non podo deixar de rematar esta entrada sen comentar que dende A Revista tiveron que saír na defensa de Carmen Pérez ante declaracións de persoas que non souberon ver o tema con humor (xa que a reportaxe difundida corresponde a un magazine e non a un informativo ou programa deportivo), e hoxe mesmo Loly Gómez apareceu no estudio cunha especie de kimono, no que ten toda a pinta de ser un aceno ao viral da semana. A vida con humor lévase moito mellor.
Debe estar conectado para enviar un comentario.