Gemeliers: a basura da Galega?

A Televisión de Galicia leva uns días de tolos na Rede, dando a impresión de que estamos en plena retransmisión dos fogos do Apóstolo, xa que tras a vaga...

A Televisión de Galicia leva uns días de tolos na Rede, dando a impresión de que estamos en plena retransmisión dos fogos do Apóstolo, xa que tras a vaga de visitas á web da Galega para ver ao fenómeno viral da semana, Manolo de Xaniño, o mércores pola noite os Gemeliers liárona parda ao saír do Land Rober Tunai Show, xa que non se lles ocorreu outra cousa que organizar en Twitter unha campaña contra o programa baixo o cancelo #LandRoberBASURA.

Sobra dicir que incluso a xente que veu o programa de televisión en directo, ao ver a que se montara, foi á páxina web da Galega para comprobar se a cousa fora para tanto, de xeito que incluso houbo momentos nos que os vídeos non eran capaces de cargar ben. O nivel de saturación da web da TVG resultou evidente durante boa parte do xoves, o que parece consecuencia da coincidencia de dous fenómenos que viralizaron na Rede durante a mesma semana.

Foi para tanto a polémica xerada polos Gemeliers? Aos rapaces pareceulles que lles faltaran ao respecto, as súas seareiras foron a saco a defender aos cantantes (levando #LandRoberBASURA a ser Trending Topic), os espectadores habituais do programa nin se decataron que os Gemeliers estaban molestos (xa que o programa non é precisamente o de Pablo Motos, e enténdese que os convidados saben a que van), os responsables do programa quedaron tamén sorprendidos ao ver que os mozos estaban enfurruñados tras o programa e, por suposto, milleiros de internautas, ao ver a que se montara, atacaron directamente aos Gemeliers (o que xa case é un deporte nacional).

Podedes xulgar por vós mesmos se o asunto foi para tanto:

Javi Mos na Radio Galega

Javi Mos

Pero onde si explicaron moi ben o que pasou foi no programa A Tarde da Radio Galega, onde falaron directamente con Javi Mos, o responsable das redes sociais do espazo televisivo, co que comentaron todo este rebumbio:

En definitiva, a cousa vai quedar como unha anécdota máis que contar, da que o mellor de todo coido que vai ser a reacción de Miguel Piñeiro cando escoite o disco dos Gemeliers no coche. 😀

O que non parece normal é que os Gemeliers se enfadasen por como os trataron na Galega, despois da caña que lles meten na Rede en vídeos como os de Trazzto, que fíxolles unha divertida parodia:

E incluso animouse a dedicarlles unha canción:

Ao final vai ser que os que son un produto basura son os Gemeliers, cando menos en analoxía á comida lixo. Son algo fugaz, que dubido que dure moito máis, pero que, cando menos, polémicas como estas axúdalles a manterse no candelabro.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS