O podcasting posto en valor

Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...

Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente iVoox decidiu abrir este modelo de negocio a todos os seus creadores de contidos, ou sexa, que dende xuño é posible activar Subscricións para Fans, unha especie de fórmula de mecenado para contribuír a que o podcasting sexa sustentable.

Aproveitando esta posibilidade, Álex Fidalgo, un dos mellores entrevistadores que temos en Galicia, e que leva algo máis dun ano co seu podcast Lo que tú digas¸ decidiu que ía contar tamén con subscricións premium, pero para facer máis simbólicas as achegas dos seus seareiros, en vez de ofrecerlles contidos en exclusiva, simplemente achégalles os contidos ordinarios en primicia. Deste xeito, que decida pagar a partires de 1,49 euros ao mes a través  de iVoox poderá escoitar as distintas entregas de Lo que tú digas un par de días antes que o resto de seareiros, o que no formato podcast e para contidos que non son de máxima actualidade non resulta en absoluto traumático.

Está claro que moitos dos que escoitamos a Fidalgo dende hai meses estaremos encantados de amosar o noso apoio, cando menos inicialmente, como un xeito de recoñecer o traballo feito, pero para que o lanzamento das subscricións conseguise un maior impacto, a entrega empregada para a estrea non é outra que unha conversa con Laureano Oubiña titulada Confesiones de un narco e que chega nun momento moi oportuno, xa que a serie Fariña trunfou en televisión e agora tamén pode verse en Netflix, os Charlíns volveron ás andadas e o propio narco puxo á venda o libro Oubiña. Toda la Verdad.

Este podcast anúnciase como un complemento do documental Yo fui un narco que está a elaborar Israel López para DMAX e que promete ser moi interesante, especialmente despois de escoitar a conversa de Oubiña con Fidalgo.

Sobra dicir que a subscrición de pagamento de iVoox non é dabondo para facer viable o podcasting como modelo de negocio, e aínda que un milleiro de subscritores poderían permitir que unha persoa puidese vivir diso, é algo moi difícil de conseguir a longo prazo sen ter que andar a lanzar reclamos e cebos constantemente, pero cando menos permitirá que un creador de contidos como Álex Fidalgo non teña que pagar para traballar, e que o froito do seu esforzo teña algún tipo de recompensa que vaia máis aló das loas.

Estou certo de que co tempo realizará un balance deste experimento, que resulta moi interesante, xa que permitirá ver se en España é viable o mecenado de podcasts, algo que poño moi en dúbida en vista de experiencias como Orgullo y Satisfacción (revista satírica nacida en resposta a un acto de censura en El Jueves que tras un lanzamento meteórico non conseguiu manter o seu pulo a longo prazo). Noutros países hai bastantes iniciativas financiadas mediante plataformas como Patreon, pero en España parece non callar tal modelo, por desgraza para moita xente que tería así un xeito ideal de vivir da creación de contidos cun elevado nivel de independencia.

Volvendo á conversa de Fidalgo con Oubiña, non podo deixar de recomendar a súa escoita, e aínda que tarda un chisco en coller ritmo, cando o fai resulta bastante entretida, e permite que nos fagamos unha idea de Oubiña moi distinta á dos tópicos aos que estamos afeitos.

Durante as máis de dúas horas que dura a conversa podemos ver como o ton vai evolucionando, as anécdotas son cada vez máis descarnadas e incluso podemos ver que detrás do personaxe hai unha persoa coas súas luces e as súas sombras. Fidalgo atrévese a comparar a Oubiña con Tony Montana, mentres que o narco non dubida á hora de recoñecer que quixo matar a Terito, de acusar a Felipe González de chegar á presidencia de España con cartos do narcotráfico, de contar anécdotas dun presidiario «parecido a Mario Conde» ou incluso de comentar de xeito burlesco que o Rei emérito está por enriba da Lei.

Para algúns sería unha sorpresa que Oubiña desbotase cousas que podiamos dar por certas os que vimos a serie de televisión de Fariña, pero non podemos esquecer que é unha ficción televisiva e non unha adaptación literal do libro de Nacho Carretero, ou sexa, que toman moitas licenzas para destilar unha historia que poida narrarse axeitadamente e con certo interese e ritmo.

En vista do que conta Oubiña na entrevista, parece quedar claro que, ao igual que a serie de Fariña ten como protagonista a Sito Miñanco, calquera dos delincuentes da época podería dar para todo un serial.

Aínda que houbo entrevistas de Lo que tú digas que me pareceron máis amenas e interesantes, entendo que para o público xeral estamos ante a de maior tirón, polo que agora Fidalgo vai ter unha tarefa complicada, xa que moitos esperarán que lance algún bombazo cada poucos meses, o que é difícil de conseguir. Eu seguirei atento ao que conta, e rezarei para que non entreviste ao cadelo de Amancio Ortega.

ACTUALIZACIÓN (28-8-2018): O podcast coa conversa con Oubiña xa está dispoñible en aberto:

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS