Jornal de Galicia

Se miramos no dicionario a palabra xornal atopamos o seguinte: 1 s m Diñeiro que gaña un traballador por día traballado. 2 s m Conxunto de follas impresas informativas...

Xornal.com e as exclusivas demoradas
Se miramos no dicionario a palabra xornal atopamos o seguinte:

1 s m Diñeiro que gaña un traballador por día traballado.
2 s m Conxunto de follas impresas informativas que se publican diariamente.
3 s m Lugar da administración e redacción dun periódico.

E o acontecido nos últimos días dáme a entender que a palabra xornal da cabeceira Xornal de Galicia corresponde á primeira acepción da palabra (que en español diríase jornal), xa que ante a maior decisión retrógrada na prensa dixital española dos últimos anos (só comparable ao erro estratéxico de El País de facer os seus contidos na web de pago), o propio director de Xornal solta o seguinte:

Los lectores de Internet también tendrán estas noticias por la tarde, pero por la mañana pretendemos ofrecer un plus a los lectores que compran cada día el periódico, ya sea en el quiosco o mediante suscripción. Sin ellos no serían posibles esas exclusivas, ya que no habría manera de pagar a los periodistas que escriben reportajes así.

Paréceme moi triste que se dea un paso atrás tan radical á vez que utilizan coma argumento os salarios dos xornalistas. ¿Qué ten que ver unha cousa coa outra? A min iso paréceme dunha demagoxia insultante (¿Están a dicir que unha única nova pode levar á xente a mercar un xornal? ¿E que un incremento de vendas de cen ou dous centos exemplares chegan para pagar o soldo dun xornalista que produce informacións exclusivas?), que Tati Mancebo analiza axeitadamente ao asegurar que:

Equivócanse por completo. Non están a ofrecer un plus aos lectores que mercan o xornal en papel, senón penalizando os que o len na rede. Nin sequera ofrecen a opción de micropagamentos -seguramente porque comporta un gasto inasumíbel para as expectativas de vendas- como fan outros medios que andan a experimentar actualmente co sistema de subscricións “por pezas”.
Como se pode apostar pola versión en papel para aumentar vendas, cando todos os medios van costa abaixo neste camiño, e menos aínda sendo un medio novo e minoritario?

Innovación periodísticaParéceme realmente insultante que vendan este medida absurda coma unha innovación periodística. ¿Dende cando innovar é involucionar?
Polo que vin, a nova embargada apareceu na web ás sete e media da tarde, o que provocou que os lectores da edición dixital de Xornal accedesen a unha información obsoleta, xa que durante a mañá o resto de medios xa publicaban a reacción ao artigo de Xornal de Galicia na edición impresa, ou sexa, que deixaban claro que na prensa diaria non existen as exclusivas.
Algún xornalista da vella escola aínda non entendeu que o que un medio pode ter hoxe é unha primicia informativa, pero non unha exclusiva, pois levantada a lebre, todos os demais medios poden falar do tema. Así, demorar a publicación de novas na web só prexudica á propia web.

Non acabo de entender a estratexia comercial de Xornal de Galicia, pois a prensa en España está a perder vendas en papel de xeito constante durante os últimos anos, polo que intentar medrar nun sector en contracción é nadar contra corrente. Deberían centrar os seus esforzos en gañar influencia a través da web, e non en vender exemplares en papel, especialmente se as súas vendas actuais son tan insignificantes coma comentan os ruxerruxes.
Incluso se miramos á prensa estatal podemos ver como a Rede comeza a gañar peso, e coma exemplo rotundo temos a El Mundo:
El Mundo en papel tamén é puntoes
¿Vedes? A edición impresa da cabeceira de Pedrojota Ramírez incorporou o .es á súa imaxe, dando a entender que é un medio dixital con redaccións integradas.
O curioso é que El Mundo é un xornal con 20 anos de historia, que naceu nun momento no que a web non existía, mentres que Xornal de Galicia veu a luz hai menos dun ano, ou sexa, que a súa organización debería estar orientada aos novos tempos, e non ten sentido que unha nova publicación procure medrar de costas á Rede.

ACTUALIZACIÓN (28-10-2009): Aínda que sen confirmación oficial, parece ser que Xornal de Galicia pecha a súa delegación de Vigo, polo que entendo que os pasos que está a dar a publicación son medidas desesperadas. Sospeito que en non moitos meses Xornal volverá a ser o medio dixital que era antes.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Enredando nas noites de Luar

    Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa...
  • A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

    Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • PSY segue moi vivo

    Hai moito tempo que o rapeiro PSY non ten un superéxito en YouTube, pero iso non quere dicir que desparecerse ou que estivese quieto, senón que é moi complicado...