Enredando nas noites de Luar

Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa...

Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa de seguido:

A emerxencia dos dispositivos móbiles como segunda pantalla durante o consumo televisivo é un elemento que mudou substancialmente a percepción que temos da televisión, facilitando tanto o contacto con outros espectadores como dándolle unha certa personalidade dixital aos espazos que seguimos, o que nalgúns casos se aproveita para fomentar o engagement da audiencia, ou sexa, que achegar a ambos lados da pantalla pode traducirse nunha maior fidelidade, á vez que as persoas involucradas tamén pode gozar do contacto cun público ao que pode pórselle nome e cara, en vez de velo como unha cota de pantalla. E de todo isto sabe moito Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do programa Luar da TVG, con quen falamos sobre todo este fenómeno.

Que foi o que vos levou a iniciar a actividade do Luar nas redes sociais? Tedes un obxectivo marcado dende o comezo ou principiastes a xeira simplemente como unha escoita activa que levouvos as reaccionar?

– Luar entrou nas redes para explicar mellor o que é Luar. Cada galego ten unha imaxe de Luar na cabeza, porque ten visto ou lle teñen comentado o programa, pero que non sempre se corresponde coa realidade. Démonos conta de que a través das redes podiamos fragmentar os contidos do programa e dirixilos a públicos distintos. Porque en Luar hai contidos para nenos, para mestres, para nostálxicos, para fans da verbena ou da música tradicional, para seguidores de artistas consagrados ou emerxentes… É moi complicado transmitir toda esa variedade nunha promo ou nunha nota de prensa, na que hai habitualmente se busca un titular.

Por outro lado, dada a lonxevidade do programa, considerabamos que simplemente polo seu simbolismo, o Luar tiña que ter presencia nas redes para poder exercer de interlocutor con quen queira falar con nós.

Aínda que moitos pensan que o Luar é un programa orientado a un público de avanzada idade con pouca relación coa tecnoloxía, a Rede déixanos ver que nos últimos anos sóubose conectar con novas audiencias. Podemos entender que a Internet xogou un importante papel á hora de pescar nestes novos caladoiros?

– As persoas de maior idade entran cada vez máis en contacto coas novas tecnoloxías porque llelas achegan os seus familiares ou achegados máis novos. Empezan curioseando a tableta do neto, pasan a ter un smartphone, atrévense a fedellar co Whatsapp… e un día abren unha conta en Facebook. Que van buscar no Facebook? Ademais das amizades, contidos do seu interese. E un deles pode ser a páxina de Luar. Para un non nativo dixital, Facebook é máis doado que Twitter ou Instagram. Supoño que por iso é a rede que máis usuarios ten, e a que máis crece.

Moitas das persoas que visitan o Luar non deixan pasar a oportunidade de inmortalizar a visita no seu photocall

Nas redes sociais podemos ver tanto a TVG como o Luar publican información sobre o voso programa, pero tamén presentadoras, colaboradores, concursantes… os que axudan a dinamizar a actividade na Rede coas súas publicacións. Animades vós a esta práctica ou a estas alturas xa non é preciso porque a xente que sobe ao escenario xa chega ao programa cunha presenza activa nas redes sociais?

– Na súa meirande parte, os colaboradores chegan coas súas propias redes e con presencia activa. Só lembro o caso de Diana Sieira, a presentadora de números de circo, que abriu conta de Twitter e Instagram a raíz de empezar no programa. Os concursantes si que soen abrir páxinas de Facebook nas que aluden á súa condición de recanteiros, e animámolos a que entren en Twitter e Instagram.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Supoño que boa parte deste pulo social do Luar ten moito que ver co concurso de Recantos, no que participan persoas de toda a xeografía galega. Aínda que as votacións da competición aínda van por canles tradicionais, supoño que podemos entender que os recanteiros xa ven a Internet como o termómetro que mide o seu futuro éxito. Notades unha competición por ver quen consegue un maior impacto na Internet?

– En tódalas edicións houbo concursantes con máis pulo nas redes que outros, pero non me parece tanto unha competición coma un hábito. Soen ser recanteiros que xa eran activos antes  nas redes, e posiblemente por iso unha vez dentro do concurso son máis hábiles á hora de movelas. Hai recanteiros que fan directos, enquisas, ou colgan historias cada semana, e iso incide no seu número de seareiros.

Gayoso falando con Dani Moreiras, unha auténtica estrela en YouTube

Neste momento son moitas as plataformas sociais dispoñibles, con cadansúas peculiaridades. Que vos está a funcionar mellor no Luar? Facebook? Twitter? Instagram? YouTube? Depende do día da semana?

– En número de seguidores a que mellor funciona é Facebook. Tamén é na que publicamos máis contidos: os primeiros días da semana actuacións do programa do venres anterior, e o xoves e venres, adiantos do programa seguinte. O noso público en Facebook é máis maior que o das outras redes, e iso refléxase tamén no tipo de comentarios que fan. Hai cousas que gustan no noso Twitter e que xeran polémica no noso Facebook. Os nosos seguidores de Facebook son maioritariamente galegos, cunha presencia moi activa de emigrantes, pero tamén hai seguidores de fóra de Galicia que valoran contidos nosos que non atopan noutros lugares. Algúns son estudosos da música e o folclore, e comparten publicacións coma as seccións de Pablo Carpintero. Tamén hai moitos asturianos e cántabros. Algúns dos vídeos con máis reproducións da nosa páxina son daquela zona: o Coro mineiro de Turón (máis de 500.000 reproducións; 18.500 veces compartida) ou Nando Agüeros: Viento del norte (723.000 reproducións e 20.000 veces compartida).

A nosa conta de Twitter funciona mellor os venres. Ese día e o xoves concentramos a nosa artillería. Chegamos a esa conclusión despois de percibir que hoxe en día en Twitter hai moito ruído, e as mensaxes son máis efectivas se se concentran cerca do día da emisión do programa. A excepción son os programas aos que veñen artistas con moito tirón nas redes, coma Abraham Mateo ou Gemeliers, que anunciamos con máis antelación para dar tempo aos fans a convocar o visionado do programa, ou a pedir invitacións para ir de público a plató. Os venres durante o directo imos adiantando os contidos que van acontecer e completámolos con vídeos ou fotos do que sucede entre os artistas en bambolinas.

Instagram é outra conta na que centramos as publicacións no venres e o sábado: colgamos a promo do programa, algún adianto, imaxes dos ensaios e do que sucede durante o directo no plató. En Youtube abrimos unha canle a finais de abril na que colgamos un vídeo semanal da nosa youtubeira: unha muller de Lestedo, Socorro, que dá consellos sobre como ver o programa, adianta contidos ou fala do que a ela lle parece. Habitualmente publicamos o vídeo os mércores para encher ese  día de transición entre o recordo do que sucedeu no programa pasado e o adianto do vindeiro.

Ao estarmos ante un programa de televisión en directo é evidente que no momento da emisión a actividade nas redes sociais é moi elevado pero, no voso caso, concéntrase a interacción nos venres pola noite (ou durante a repetición dos domingos) ou, pola contra, tedes unha actividade constante repartida por toda a semana tecendo unha conversa no tempo?

– A interacción en Twitter concéntrase nos venres e, ás veces, esténdese a fin de semana se actuou un artista con moito tirón ou sucedeu algo no programa que chamara a atención (Gayoso con pelo ou Miss Vaca, por exemplo). En Facebook é máis homoxénea, xa que publicamos na páxina tódolos días. Iso é no que se refire ás conversas que iniciamos nós. Cando son os usuarios das redes os que se dirixen a nós, conversamos calquera día da semana. Temos por bandeira contestar a tódalas mensaxes e estar pendentes das mencións.

Supoño que neste tempo de presenza na Internet, escoitando o que comenta o público, serían moitas as sorpresas que atopariades.

– Esa é a parte que máis me gusta. Especialmente en Twitter, onde o enxeño está á orde do día. Lembro especialmente a última edición de Miss Vaca, que coincidiu cun período de eleccións xerais, autonómicas, o Brexit… e a comunidade tuiteira fixo un paralelismo entre os resultados das votacións das vacas candidatas e a situación política que nos deixou pampos. Eran chíos moi traballados, con moita retranca e moito fondo. Iso rompe certos estereotipos sobre o público de Luar. Tamén é sorprendente a atención coa que os espectadores seguen o programa: ás veces detectan erros ou comentarios de dobre sentido de Gayoso que a nós nos pasan inadvertidos no plató. Por non falar da rapidez coa que fabrican memes, colgan actuacións en YouTube ao minuto de emitirse…

Podemos deducir que para un programa como Luar na Rede o importante é deixar facer á propia audiencia e chega simplemente con ter unha participación moderada para conducir o uso de cancelos ou adiantar algúns detalles para que a propia comunidade se desenvolva de xeito natural?

– Eu penso que iso é así para a maioría dos programas. As redes teñen as súas propias dinámicas e basta con deixar ver algún detalle para que a conversa flúa por si mesma.  O día que Gayoso puxo pelo, por exemplo, decidimos manter unha actitude de total imperturbabilidade desde as nosas contas, porque se o presentador realmente decidira facer un transplante de pelo, esa sería a actitude lóxica de respecto. O único que fixemos foi publicar fotos do programa nas que era evidente o cambio de Gayoso, pero no texto non se aludía a iso, senón ao que estaba a suceder nese momento. Queriamos detectar até que punto a comunidade se daba conta do cambio e ata onde podían chegar. Pois chegaron a facer TT #OPelodeGayoso e a que saíra destacado na Voz de Galicia do día seguinte.

Inma Morandeira retratando a Karina entre bambolinas

Das vosas achegas á conversa, que considerades que é o que máis valora o público? Adiantos de contidos? Olladas ao que acontece detrás das cámaras? A interacción cos espectadores?

– Os adiantos dos contidos valóranse moito cando se trata de artistas con moitos seguidores. Tamén nese caso os clubs de fans valoran moi positivamente que lles respondamos ás mensaxes directas. Dá a sensación de que non é así noutros programas porque nolo agradecen moito, e con moita efusividade. Para min a interacción é a razón de ser das redes. Ás veces un simple Favorito en Twitter xera unha conversa entre o usuario ao que llo puxemos e os seus amigos. Á xente gústalle falar e sentirse escoitada.

Pilar comprobando as redes sociais do Luar durante a emisión do programa

– A actividade que facedes nas redes sociais, tedes percibido que logo ten tradución en audiencias televisivas, ou as repercusións das vosas accións quedan restrinxidas ao ámbito en liña?

– Na cifra concreta de share, non soe ter relación un programa con moita actividade en redes cunha audiencia moi alta. Incluso en moitas ocasións é inversamente proporcional: programas que apenas producen movemento en redes obteñen un bo dato e outros que xeran moitos comentarios, non. Tamén é certo que a medición da audiencia cínguese a un número determinado de audímetros situados en Galicia, e as redes non coñecen fronteiras xeográficas nin de dispositivos. Moita xente ve o programa na tableta ou no ordenador, ou desde fóra de Galicia, e iso non se mide na audimetría convencional.

O que si detectamos no desglosamento do público que realiza a empresa medidora de audiencias, Kantar Media, foi un incremento de espectadores en segmentos de menor idade, en poboacións máis grandes e en clases medias. Iso pode deberse a que a presencia nas redes nos axudou a chegar a eles, pero só é unha hipótese.

Actuación de Tania Veiras e Fátima Pego cantando un dos grandes éxitos de Mecano

A audiencia no servizo de televisión á carta da TVG, é xa significativa? Ou estamos aínda moi lonxe de que os programas tradicionais teñan un volume importante de reproducións afastados da grella televisiva?

– Non teño o dato concreto, pero hai programas nos que incluso pode ser máis alta que a emisión convencional. Eu estou segura que un programa que chega a Trending Topic Mundial, ademais de nacional en 11 países, como foi o último no que estivo Abraham Mateo, tivo que ter un seguemento en streaming espectacular. Sumando as reproducións a posteriori en distintas canles, imaxina… Desde logo Luar é para min un exemplo de programa que pode acadar máis reproducións consumido á carta, en anacos dirixidos a diferentes públicos, que en bloque.

Rocío Barrio comprobando a resistencia da cinta americana en directo

E para rematar, como ves o futuro da televisión en directo? Cunha segunda pantalla con vida propia ou ligando cada vez máis a actividade en tempo real na Rede co que vemos na pequena pantalla (agora xa non tan pequena)?

– Probablemente as dúas cousas. Twitter é hoxe en día imprescindible coma fonte informativa (tamén de bulos, ollo, pero iso é outro tema). Un atentado ou un accidente grave salta ás redes case ao minuto; os chíos do presidente dos EEUU xeran titulares de inmediato.. e tanto a televisión coma os medios tradicionais teñen que ter un ollo posto aí. Por outro lado, a televisión tamén dita a axenda das redes cando se comentan eventos televisados coma Eurovisión, os Oscar, as competicións deportivas… Hoxe en día moitos trending topics están relacionados con contidos televisados ou impulsados desde programas de TV, así que no futuro inmediato penso que a  televisión e as redes seguiranse retroalimentando. As canles terán que adaptarse, iso si, a un consumo diferente, máis á carta, pero a información e os eventos en directo seguirán xustificando a súa existencia. E as redes estarán aí para comentalo.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS