Blade Runner 2049 apunta maneiras

Chegou a data na que por fin podemos ver a aparencia real que terá o filme Blade Runner 2049, que estrearase en cines o 6 de outubro e que...

Chegou a data na que por fin podemos ver a aparencia real que terá o filme Blade Runner 2049, que estrearase en cines o 6 de outubro e que trataríase dunha secuela claramente innecesaria, pero non por iso menos interesante.

O protagonista será Ryan Gosling, que décadas despois da primeira película atoparase con Rick Deckard, personaxe interpretado novamente por Harrison Ford, o que parece que será o grande reclamo para atraer á audiencia, aínda que tamén se destaquen detalles como que Ridley Scott estará na produción executiva. Confiemos en que Denis Villeneuve tivese a liberdade de facer unha obra de seu, porque un copia e pega probablemente hoxe non tería moito sentido.

Iso si, pareceume bastante triste a tradución ao español do tráiler, pois iso de converter un «happy birthday» en «feliz cumpleaños», cando o que se ve na imaxe é un nacemento provoca vergoña allea.

A ver se a produción consegue gustar máis aló da súa estética, e a historia está á altura, non da orixinal, senón do seu status como obra de culto, pois non podemos esquecer que a Blade Runner orixinal estivo moi lonxe de ser un éxito comercial, e nin sequera a crítica a tratou ben no seu día, tardando bastante en conseguir o recoñecemento que merece.

Confío en que o rol de Deckard sexa bastante secundario, simplemente para cubrir os ocos (coméntase que só sairá no desenlace da historia), pois non sería nada xusto para o oficial K que lle roubasen o protagonismo máis aló dun par de secuencias para os nostálxicos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS