A Elecam 360 como introdución á imaxe e ao vídeo inmersivos

Hai un par de semanas levamos a sorpresa de que a compañía chinesa de móbiles Elephone estreaba distribución e servizo técnico oficiais en España, curiosamente en Mos, e aínda...

Hai un par de semanas levamos a sorpresa de que a compañía chinesa de móbiles Elephone estreaba distribución e servizo técnico oficiais en España, curiosamente en Mos, e aínda que no seu catálogo predominan os smartphones, na súa tenda en liña tamén teñen un curioso smartwatch, unha cámara deportiva 4K e unha cámara de 360 graos, e precisamente dende a compañía ofrecéronme probar esta última, a Elecam 360.

José Alcañiz facendo entrega da Elecam 360

Foi o propio José Alcañiz, responsable de marketing da compañía en España, quen me pasou en persoa a cámara, para probala ocorréronseme varios escenarios, e coido que pode ser interesante para moitos ver o resultado conseguido en imaxe e vídeo do uso desta cámara 360 low-cost (os produtos semellantes máis populares teñen prezos por enriba dos 300 euros), que pese ás súas limitacións, é magnífica para probar as situacións nas que pode resultar atractivo captar imaxes envolventes.

O meu primeiro experimento foi aproveitar a festividade do Día do Rosario na Coruña (ou sexa, que había pouca xente pola rúa) para colocar a cámara nun pé de foco no medio da pasarela peonil da Avda. de Alfonso Molina, un resultado que dá unha boa idea das posibilidades da cámara:

Xa na fin de semana saín coa cámara á horta que temos detrás da casa en Melide, e posei con Pancho. A imaxe que captura a cámara sería como segue:

20161008_foto_orixinal_con_pancho_na_horta_detalle

Logo, co software do fabricante pódense coser as imaxes tomadas polas dúas lentes da cámara 360 nunha única imaxe equirectangular, que se a subimos a Facebook poderemos vela en 360 graos, ou sexa, que podemos desprazarnos pola mesma co rato, co dedo en pantallas táctiles ou incluso movendo o móbil dun lado a outro se contamos cun smartphone con xiroscopio.

20161008_foto_equirectangular_con_pancho_na_horta_detalle

Como curiosidade, estas imaxes tamén poden verse dun xeito bastante orixinal, alcumado littleplanet, que a algúns lémbralles ao Principiño, aínda que para min a referencia sería o planeta de Kaido.

thetaplus_20161008192658081_detalle

thetaplus_20161008192246788_detalle

Na Tarde da Radio Galega

Para completar a experiencia, saquei tamén unha foto no estudio da Radio Galega no que facemos o programa A Tarde, e no que casualmente coincidín con Javi Mos. Velaquí o littleplanet que saíu do experimento:

thetaplus_20161013003913360_detalle

Tamén gravei en vídeo a orixinal charla que tivemos sobre os sabores dos iogures e o fenomenal cogomelo xigante, aínda que o que comparto por aquí é un anaco da sección de tecnoloxía desta semana, na que non quedou outra que falar un chisco da Elecam 360:

A definición da cámara non será unha marabilla (o vídeo está en Full HD), pero hai que admitir que na pantalla do móbil conséguese un resultado impactante, que destaca bastante nas redes sociais.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...