Unha vez máis chega unha promoción dun xornal ofrecendo un produto tecnolóxico a un prezo que parece unha ganga. E cal é o meu consello desta volta? O de sempre: fuxide deste tipo de produtos! Case todos os trebellos que venden con cartillas nos xornais son unha trapallada, e neste caso non é unha excepción.
Falamos da promoción de Airis e El País, que ofrece 3 smartphones a prezos que parecen bos, pero realmente o malos son os produtos. Para comezar temos o smartphone Airis TM50QS, que por 39,99 euros + 30 cupóns máis unha mensaxe de texto Premium (ou unha machada a un número de tarificación adicional) achegaría un teléfono de merda, cunha pantalla de 5 polgadas con píxeles coma puños (a súa resolución é de 854 x 480 píxeles, o que é ridículo para unha pantalla dese tamaño), conectividade 3G, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno e unha ridícula batería de 2.000 mAh. Só pola cantidade de RAM xa hai motivo dabondo para pasar deste móbil que claramente non será capaz de mover ningunha aplicación con fluidez, ou sexa, que non valería nin tan sequera como dispositivo que se rempregase unicamente para o WhatsApp.
Logo está o Airis TM50QZ que por 99,99 euros ofrece xa un terminal con 2 GB de RAM e unha pantalla de 1.280 x 720 píxeles (máis aceptable), pero que continúa cunha batería de 2.000 mAh, polo que non llo recomendaría a ninguén.
O Airis TM55QZ subiría o prezo a 149,99 euros, e a súa pantalla chegaría ás 5,5 polgadas, pero quedando coa resolución de 1.280 x 720 píxeles, o que é unha vergoña para ese tamaño de pantalla. Tamén carece de 4G e a súa batería é de só 2.500 mAh.
En definitiva, falamos de móbiles que prometen un desempeño malísimo (incluso os seus procesadores son moi cutres), con pouca autonomía, e prezos aos que hai que sumar os que custan os xornais e algún gasto máis. Por menos de 70 euros podemos mercar no almacén español de Aliexpress un smartphone chinés con Android 6.0, 4G e o dobre de batería (4.000 mAh), ou sexa, un terminal modesto, pero que sería máis práctico que calquera dos de Airis que ofrece El País (ou sexa, que ofrecería máis pola metade de prezo). Nin mencionar ten que se optamos por un Xiaomi Redmi 3 ou un Redmi Note 3 pagamos menos que polos equivalentes de Airis, pero temos móbiles moi superiores en hardware, simplemente porque son máis recentes. Os produtos de Airis teñen toda a pinta de ser unha liquidación de inventario de terminais que non se recomendarían a ninguén.
Debe estar conectado para enviar un comentario.