Saen á venda as entradas para TEDxGalicia 2016

Os eventos TED, que consisten en relatorios dunha duración máxima de 18 minutos sobre temas que xiran ao redor da Tecnoloxía, o Entretemento e o Deseño, son moi coñecidos...

Os eventos TED, que consisten en relatorios dunha duración máxima de 18 minutos sobre temas que xiran ao redor da Tecnoloxía, o Entretemento e o Deseño, son moi coñecidos internacionalmente por mor da participación de figuras como Al Gore ou por intervencións tan reveladoras como a de Ken Robinson; pero este fenómeno tamén ten ecos locais, e dende 2010 podemos gozar en Galicia dun TEDx, ou sexa, dun evento local e independente baixo o paraugas da marca TED, que permitiunos vivir grandes momentos como o descubrimento da Granxa Maruxa por parte de Marta Álvarez, o divertido xeito no que Iñaki Quenerapú falou da organización do desfile de forzas imperiais de Star Wars como exemplo de auto-organización colectiva, como Iván Gómez Caderno soubo explicar un concepto tan abstracto como o Big Data ou incluso o grande exemplo que puxo Miguel Vieito de como trasladar á xente certos conceptos á xente (empregando paralelismos con Star Wars e a avogacía).

Nestes anos o evento pasou polo CGAC, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a Tecnópole de Ourense, o Centro Social Fundación Novacaixagalicia en Pontevedra, o Pazo da Cultura de Carballo e, finalmente, a Cidade da Cultura de Galicia, sendo esta última edición a máis completa de todas, como pode verse no seu vídeo de resumo.

Regreso ao Gaiás

ChU4E-OWUAMVlHN

Dende a organización consideraron oportuno, por primeira vez, repetir escenario para a celebración do encontro, e anunciaron hai poucos días que este ano, en vez de agardar ao remate do ano, teriamos a nova edición de TEDxGalicia o 16 de xullo, poñendo hoxe mesmo á venda os 100 primeiros billetes a un prezo promocional de 25 euros. Deste xeito, os incondicionais á cita ven recompensada a fidelidade por contribuír con antelación á xornada, sen ter idea dos que serán os relatores deste ano, pois cómpre lembrar que o pagamento que se realiza (que normalmente é de 35 euros por persoa) é para axudar ao financiamento deste evento, ou sexa, que poderiamos considerar que estamos ante unha campaña de micromecenado dunha serie de vídeos que logo poderán verse en YouTube.

Convídovos a seguir a TEDxGalicia nas súas redes sociais para ir coñecendo pouco a pouco o que achegará esta nova edición, que resulta moi prometedora, xa que ten por lema De que está feito o futuro?. Toda unha chamada á reflexión que non debemos deixar pasar.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS