Batman v Superman: El Amanecer de la Justicia é a decepción do ano

Para falar dun filme normalmente non son partidario de apresurarme a realizar comentarios, principalmente para evitar estragarlle a alguén con posibles spoilers, pero con Batman v Superman: El Amanecer...

Para falar dun filme normalmente non son partidario de apresurarme a realizar comentarios, principalmente para evitar estragarlle a alguén con posibles spoilers, pero con Batman v Superman: El Amanecer de la Justicia vou facer unha excepción, xa que penso que estamos ante a que sen dúbida será a meirande decepción do ano, aínda que pareza unha afirmación esaxerada, pero é que dos filmes comiqueiros que quedan no ano de cousas como Capitán América: Guerra Civil, X-Men: Apocalipsis e Escuadrón Suicida xa sabemos o que podemos esperar, e a única dúbida estaría en Doctor Extraño (que tampouco ten grandes expectativas, polo que dificilmente decepcionaría). No caso da nova película o problema radica en que estamos ante os alicerces sobre os que se sosterá o Universo DC cinematográfico, e cunha base tan feble é imposible facer algo na liña do que conseguiu Marvel, polo que estaría ben que reflexionasen un chisco e, se teñen que cancelar algún dos posibles petardos que teñen na carteira, mellor que mellor.

bats_v_supes_img7

Tras deixar claro que quedei totalmente desencantado de Batman v Superman, farei unha serie de comentarios nos que non afondarei, pero que poderían considerarse spoilers, pero dubido que moleste a alguén, pois entendo que a meirande parte do público preferirá a recomendación de non ver a película, aínda que sexa só por non perder dúas horas e media no cine. Postos a investir o noso tempo, estes días temos a segunda tempada de Daredevil en Netflix, que está moito mellor e, de querer ver Batman v Superman, parece mellor agardar á edición en Blu-ray, que din que inclúe unha media hora adicional de metraxe (aínda que non sei se iso chegará para arranxar os moitos fallos que presenta esta produción).

bruce_wayne

Se algo positivo podemos dicir de Batman v Superman é que comeza moi ben, amosando o que aconteceu en El Hombre de Acero dende un punto de vista humano, aínda que sen chegar ao nivel de Marvels, pero conseguindo que vexamos como un combate entre seres con superpoderes non é un espectáculo visual, senón unha catástrofe cun grande custo humano. Hai momentos nos que chegas a sentir a traxedia, e entendes a impotencia e o medo que padecen as persoas que ven o que acontece cando os deuses baixan á terra.

Tamén podemos dicir que os deseños que acompañan a Batman están moi currados, con traxes impresionantes, unha armadura que sabe lembrar á deseñada por Miller e un estilo que deixa claro que non estamos ante o home morcego que habitualmente vemos, senón ante unha versión fatigada que posiblemente non convenza a todos, pero que parece bastante ben abordada. Podemos dicir sen medo que Ben Affleck esquivou unha bala, e librouse do estigma de Daredevil.

bats_v_supes_img8

A introdución de Diana Prince tamén está moi ben, xurdindo como unha muller misteriosa, da que van descubríndose detalles que nos deixan cun bo sabor de boca agardando con impaciencia a que a amazona teña un filme de seu en breve. Sen dúbida, o mellor de Batman v Superman (aínda que até que non vexamos a película de Wonder Woman non saberemos realmente se Gal Gadot dá o talle interpretando ao personaxe, xa que polo momento só nos convenceu esteticamente).

bats_v_supes_img14

DoomsdayUnha vez presentada a trinidade comezan as sombras, pois temos un Lex Luthor que tece toda unha intelixente trama, pero cunha motivación persoal inconsistente (só solta un par de frases para indicar que non atura que haxa seres no planeta aos que non pode superar); as actuacións do Goberno fronte a Superman son aleatorias; as identidades secretas dos heroes son de chiste; o rol de Lois Lane é un tópico que nos cómics quedou desbotado hai décadas; a trama da kriptonita é totalmente inverosímil aínda que o feito de que Luthor poida controlar a nave de Zod suplantando ao xeneral roubándolle as pegadas dixitais é aínda peor; que Doomsday sexa unha versión zombi de Zod non parece algo moi pensado (de onde sacou os poderes se non estivo exposto á luz solar e a restauración do seu corpo realizouse mesturando o seu xenoma con outro sen poderes?); a ridícula distancia entre Metrópolis e Gotham (que reduciría a Gotham ao Barrio Sucida da cidade de Superman); as introducións que fixeron de Flash, Cyborg e Aquaman estaban completamente de máis, quedando forzadísima (e descaradísima); os poderes de Wonder Woman non remataron de entenderse (daba a impresión de que repelía os ataques con maxia, e alternaba armas sen xeito, o que resultaba confuso en pantalla); e que Batman pase a ser amiguiño da alma de Superman mentres se dan de hostias é algo tan previsible como inxustificable.

bats pulp

Pero teño que admitir unha secuencia provocoume a risa, pois no medio da metraxe colaron un Otros Mundos (Elseworlds) con aires pulp que quedoulles moi ben, pero que resultou non ter que ver con nada: simplemente un soño de Bruce Wayne para poder meter esas escenas molonas no tráiler. Botando a vista atrás dá a impresión de que era unha tomadura de pelo.

Wonder WomanDescoñezo se na versión estendida de Batman v Superman explicarán mellor a historia, e arranxarán parte da desfeita, pero dubídoo moito, e polo momento quedei cunha película aburrida e mal contada, o que resulta doloroso para un pixameiro coma min. Mentres na televisión podemos ver como The Flash, Arrow, Legends of Tomorrow e Supergirl están a trunfar, como é posible que no cine DC non dea pé con bola? Con personaxes cunha historia tan longo, da que sempre hai fíos dos que tirar, como é posible que non sexan quen de chegar a facer unha película que sexa, como mínimo, a metade de atinada que as que está a facer Marvel?

A miña esperanza é que Wonder Woman consiga ser unha produción digna, pois son un grande defensor do personaxe dende que o tratou George Pérez, pero confeso que por Aquaman, Cyborg e Flash no cine non dou un can, e coido que resultaríalles máis produtivo deixalos pasar e dedicarse a produtos máis lixeiros como o Escuadrón Suicida. E se queren imitar o éxito de Masacre, que lle boten collóns e fagan un filme de Ambush Bug Lobo dunha vez!

Comentarios

Balance final
5
Balance final
O mellor
  • A presentación catastrófica dos combates de seres entre superhumanos
  • Os efectos visuais e sonoros
  • O deseño dos personaxes
  • A interesante introdución de Wonder Woman
O peor
  • A historia mal narrada e incoherente
  • O spoiler de Doomsday nun dos tráilers
  • A falta de motivación dos personaxes principais e a irrelevancia dos secundarios
  • A forzada presentación de Flash, Aquaman e Cyborg

ENTRADAS RELACIONADAS