Levo tempo dicindo que confío en que este ano, cando chegue o 20D, algún friki dos que vaia disfrazado a ver El Despertar de la Fuerza ao cine pase antes polo colexio electoral a votar, de xeito que no Telexornal, en vez de pór a típica imaxe dunhas monxas ou un home en cadeira de rodas votando (tópicos habituais nas votacións) apareza algún vestido de cabaleiro Jedi ou incluso de Darth Vader (quitando o casco para identificarse, claro), pero despois do vídeo de Podemos (no que teñen a xenialidade de presentalo bañándose co Fraga en Palomares) coido que só queda a opción de ir de Jedi, xa que de vestir o casco de Anakin Skywalker podería haber alguén que considerase que era propaganda electoral.
Aínda así parecéme algo forte que se empregue unha propiedade intelectual allea nunha campaña electoral. Coido que neste caso Disney estaría no seu dereito de pedir a retirada do vídeo, pois de seguro que a compañía non quere ningún tipo de afiliación política, pero entendo que non fará tal para evitar o efecto Streisand. 😉
Queda agora agardar para ver se El Despertar del Cambio consegue converterse nun vídeo viral, mentres eu continúo a esperar que ver por televisión a alguén votando en plan cosplay. 😛
Debe estar conectado para enviar un comentario.