A Meta Viñeta

O xoves da semana que vén imos ter que camiñar durante quince minutiños para ir da Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico até a galería Monty4, para...

A Meta Viñeta

O xoves da semana que vén imos ter que camiñar durante quince minutiños para ir da Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico até a galería Monty4, para ver unha interesante exposición de banda deseñada con grandes autores galegos como son David Rubín, Manel Cráneo, Guitián e Alberto Vázquez.

A continuación a nota sobre a presentación publicada na páxina web oficial de Viñetas:

O vindeiro día 13 de Agosto, ás 20:30 horas, inaugurarase na galería Monty4 a exposición A Metaviñeta, que terá como protagonistas a algúns dos artistas de cómic galegos máis destacados dos últimos anos.

A galería Monty4 súmase no mes de Agosto á programación non oficial do festival Viñetas desde o Atlántico coa exposición A Metaviñeta. Para esta mostra, comisariada por Noelia Martínez Tajes, os debuxantes Manel Cráneo, David Rubín, Guitián e Alberto Vázquez crearon unha páxina de cómic na que reflexionan sobre as complexas relacións entre o cómic e a arte contemporánea. As obras serán presentadas nunha edición de 50 copias asinadas e numeradas. Ademais, como complemento a esta edición exclusiva, na exposición mostraranse diferentes pezas de obras recentes dos catro artistas.

Manel Cráneo, debuxante, ilustrador, escritor e músico cunha ampla actividade desde mediados dos anos noventa. Director e editor de Demo Editorial, vén de lanzar o seu proxecto persoal Destino Hërgüss, unha novela gráfica ambientada no rico universo de Planeta Mincha.

David Rubín, un dos profesionais do mundo do cómic español con maior éxito e proxección internacional. Autor completo de obras como El Héroe, debuxante de Beowulf (xunto co guionista Santiago García), ambas editadas por Astiberri edicións. traballou con guionistas da talla de J.T. Pretty e Paul Pope no macroproyecto ambientado no universo de Battling Boy, grazas ao personaxe de Aurora West (El Momento de Aurora West, DeBolsillo). Tamén ilustrou a miniserie The Fiction para o mercado norteamericano, da man de BOOM! Studios e o escritor Curt Pires.

Pola súa banda, Alberto Guitián estudou Belas Artes en Pontevedra, onde comezou a publicar en fanzines e revistas. Participou en proxectos galegos de BD (Barsowia, BD Banda, H2Oil) ou en antologías como Autsaider Minicomics, BlackPulpBox e Mortland. Participou como artista de fondos na película de animación animación Chico & Rita, nomeada aos Oscars no ano 2012.

Para rematar, Alberto Vázquez é director de animación, ilustrador e debuxante. Os seus libros foron publicados en países como España, Francia, Italia, Brasil e Corea. Como ilustrador de prensa publicou regularmente en revistas como El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair, Communication Arts ou Boston Globe Magazine. Está actualmente en post- produción da súa primeira película de animación, Psiconautas.

A mostra estará aberta ao público ata o próximo 19 de setembro na galería Monty4, situada na rúa Montroig, número 4 (A Coruña). O horario de apertura será de 11:00 a 15:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS