Onte puiden ir ver a exposición de orixinais de superheroes que teñen estes días no PALEXCO, no que podería ser unha das mellores exposicións da historia de Viñetas desde o Atlántico, con material bastante variado, e case todo de grandes autores, chegando ata comics bastante actuais, de xeito que é moi doado ter lido algúns dos comics dos que poden verse os seus orixinais.
Como vén a ser habitual, no PALEXCO había unha recepcionista de excepción, Clara de Noche, coa que bastante xente saca fotos un tanto curiosas.
Pero unha vez que entras na sala de exposicións, atopas ilustracións de Superman e Batman, polo que a cousa comeza forte, con material de grandes referentes como Curt Swan.
Aínda que eu o que agradecín especialmente é que estivesen expostos varios orixinais de José Luis García López, tanto das súas contribucións a algún cómic como as súas xa clásicas fichas de personaxes como Flash ou Green Lantern.
Tamén gustei da presenza de ilustracións de George Pérez, no que consideron que eran os seus bos tempos, mentres que autores do seu tempo como John Byrne tiñan orixinais moito menos destacables.
Había moitísimo material máis, incluíndo carroña marvelita 😀 , pero coido que o mellor é que quen guste do xénero dea un paseo pola exposición (poderá visitarse despois de que remate Viñetas desde o Atlántico, para que os rezagados non a perdan).
Ah, e xusto ao final da exposición dos superheroes tamén había unhas láminas que repasaban a historia dos Pitufos, que eran interesantes para que quixese introducirse nos personaxes pero que omitía certos elementos de peso en España como ao Padre Abraham e os discos dos Pitufos Makineros.
Curiosamente buscando o vídeo do Padre Abraham e os Pitufos vexo que alguén atopoulle un certo aquel con Mariano Rajoy:
A verdade é que quedoulles unha versión divertida de La Canción de los Pitufos 😀
En cambio, hoxe foi un día moito menos produtivo (nin había tanta xente en Viñetas, nin vin expsocións destacables), que comezou coa desagradable sorpresa de ver que xunto ao PALEXCO estaban a celebrar o Oktoberfest en agosto. ¿Qué será o seguinte? ¿O magosto para agosto
como dicían Os Resentidos?
Din unha volta ata a Praza de María Pita, para ver que xunto a estatua da heroína local había unha figura cutrísima do que parecía unha muller disfrazada do Príncipe Valiente (confirmáronme que era o mesmo Príncipe, pero eu non me fío).
Na casa do Concello estaban un ano máis Astérix e Obélix vixilando a porta, e resultoume curioso o detalle de que moitos nenos sacasen fotografías con Obélix (moitos tamén dáballe unha aperta), mentres que as rapazas que por alí pasaban tendían a imitar o xesto de Astérix para retratarse xunto a súa figura.
Pero a exposición que había no Concello foi unha auténtica decepción para min, pois coido que tiña un bo recordo do Valentina de Guido Crepax, e o que vin pareceume unha obra que ía en decadencia co tempo (¿son o único coa impresión de que nos 80 e 90 Crepax debuxaba peor que nos 60-70?). Supoño que é moi difícil estar á altura dos orixinais que se poden ver no PALEXCO. 🙁
Debe estar conectado para enviar un comentario.