Tras uns anos padecendo unha páxina web oficial de Viñetas desde o Atlántico un tanto deficiente (seica tiñan problemas para actualizala), por fin temos un espazo renovado, con información sobre os contidos do certame coruñés de banda deseñada con certa antelación, quedando só pendente a comunicación do calendario do encontro, que farase en breve, evitando así o caos da pasada edición (que tiña o programa de actividades totalmente agochado e non se coñeceu até comezado o evento, para desesperación dos afeccionados que viñan de fóra da cidade).
A nova páxina web de Viñetas desde o Atlántico achegará detalles sobre o festival, como os convidados, as conferencias que terán lugar, como participar nos máis que destacables encontros profesionais, as localizacións e horarios das exposicións… e os mesmos contidos en español e galego. Isto último destácoo porque houbo un ano que consultaba a diario a páxina web do festival e resulta que, como a versión que miraba era a que estaba en galego, non atopaba a información actualizada, xa que deixaran abandonada a versión na nosa lingua.
Polo momento o novo espazo web só ofrece información xa publicada sobre Viñetas, pero irase actualizando nos vindeiros días para completar a información sobre o evento de verán máis destacable da cidade herculina. Ah, e desta volta a páxina está adaptada a dispositivos móbiles, polo que tamén resultará de grande utilidade durante o desenvolvemento do certame.
ACTUALIZACIÓN: Na propia xornada de estrea da nova páxina web xa actualizaron a información relativa ás exposicións, de xeito que xa detallan onde será cada unha. A meirande parte dos autores convidados repártense entre o Kiosko Alfonos e PALEXCO, a Ana Miralles tócalle o Palacio Municipal e en Salvador de Madariaga poderemos unha mostra de banda deseñada galega.
Debe estar conectado para enviar un comentario.