Bota a andar Viñetas desde o Atlántico

Hoxe principiou unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, a principal feira do cómic de Galicia, que comezou con bastante bo pé e unha afluencia de público bastante...

Entrada do Kiosko Alfonso
Hoxe principiou unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, a principal feira do cómic de Galicia, que comezou con bastante bo pé e unha afluencia de público bastante boa, chegando a terse que limitar a entrada do público nas exposicións do Kiosko Alfonso para evitar aglomeracións. Un bo sinal.
Xurxo Lobato en Viñetas desde o Atlántico
Iso si, mentres andaba por alí adiante fíxome bastante graza ver a Xurxo Lobato sacando unha fotografía cunha cámara compacta dixital 😀 (supoño que allea)… aínda que tería sido peor se empregase a cámara dun móbil de gama baixa.

Rúa da BD (casetas comerciais)

Hoxe dediquei a tarde a visitar as casetas de venda de comics, e como vén a ser habitual nos últimos anos, non hai nada novo baixo o sol. Dende que as librarías especializadas son habituais, a meirande parte das obras de interese foron editadas en numerosas ocasións e temos a Rede para casos especiais, entendo que a compra en feiras é máis algo impulsivo e para lectores ocasionais que para afeccionados da banda deseñada. Por sorte, quedan moi lonxe aqueles anos nos que había que correr os primeiros días para explorar nas casetas dos establecementos que viñan de fóra para ver se atopabamos algunha xoia.
Deste xeito, agora Viñetas desde o Atlántico xa non é un exercicio de caza de tesouros, senón un lugar de encontro no que atopar a amigos e coñecidos que rara vez vemos máis aló deste tipo de eventos. Agardemos que a cousa continúe así durante moito tempo.

Visitas guiadas

Na páxina web do evento publican a listaxe de conferencias que terán lugar na edición do presente ano, quedando para o sábado a que considero máis interesante (a de Frank Quitely) pero o que non quixera deixar pasar é que mañá ás 18:15 horas haberá unha visita guiada á Exposición de Dragon Ball no Pazo Municipal e o mércores ás 18:15 horas poderemos acudir a unha visita guiada pola exposición de Batman no PALEXCO. Coido que non serei quen de chegar a tempo á de Son Goku, pois comezarei a tarde en Compostela, e aínda non controlo a técnica do cambio de lugar instantáneo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS