Este ano a feira do cómic coruñesa, Viñetas desde o Atlántico, non se quere facer de rogar, e tras confirmar que as datas da vindeira edición serán entre o 10 e o 16 de agosto, detallan agora que un ano máis as localizacións centrais serán o Kiosko Alfonso e o Palexco, así como debullan algúns dos artistas convidados: Alfonso Zapico, Ana Miralles, Ana Oncina, Chloé Cruchaudet e Joaquín López Cruces.
Probablemente non sexan os artistas máis coñecidos do mundo mundial, pero teñen algunhas cousas ben curriñas. Por exemplo, Ana Oncina conseguiu que a súa obra Croqueta y Empanadilla se convertese en todo un éxito de vendas grazas á súa orixinal proposta, moi atractiva visualmente, e incluso estivo de xira nos pasados meses, chegado a achegarse á libraría Komic:
Ana Miralles ten unha grande carreira como ilustradora, pero moitos a coñecerán pola súa obra Djinn. Ver o proceso de creación das súas ilustracións é toda unha pasada:
E logo Alfonso Zapico até foi Premio Nacional de Cómic en 2012 pola súa obra Dublinés, polo que está claro que talento e calidade non lle faltan.
Vaia, que non desvelaron nomes que a xente recoñeza á primeira, pero son artistas de calidade e con carreiras consolidadas, dos que de seguro que será interesante escoitar o que teñan que contar sobre a súa traxectoria.
Debe estar conectado para enviar un comentario.