Los Vengadores: La Era de Ultrón

Onte puiden asistir á estrea de Los Vengadores: La Era de Ultrón, e como era de agardar atopei  unha película divertida, que segue á perfección a liña das súas...

Vengadores La Era de Ultrón

Onte puiden asistir á estrea de Los Vengadores: La Era de Ultrón, e como era de agardar atopei  unha película divertida, que segue á perfección a liña das súas predecesoras e que á hora de valorala colocaríaa nun punto intermedio entre Los Vengadores e Capitán América: El Soldado de Invierno. De feito, este último filme conseguiu separarse moito do resto de producións cinematográficas da Marvel, situándose a un nivel que dificilmente volveremos ver durante as vindeiras entregas desta grande saga, xa que as seguintes películas teñen toda a pinta de ser de máis personaxes con poderes e/ou escala cósmica, afastándose da historia de traizóns e acción máis humana (aínda que esaxerada) coa que sorprendeu a última do Capi.

Xemelgos Maximoff

A historia desta película parte da busca do Centro de Loki por parte dos Vingadores, trama que se entrecruza levemente coa que Agentes de SHIELD está a desenvolver estes mesmos días, e que leva a introducir aos xemelgos Pietro e Wanda Maximoff (os nomes de Mercurio e Bruxa Escarlata nin se mencionan, falando deles case sempre como “os xemelgos”), que son o máis interesante desta produción, aínda que a min non deixa de resultarme rechamante que a xemelga Maximoff sexa a única irmá Olsen que non é melliza.

O que non queda moi ben explicado é o de Ultrón, pois non se ve claramente até que punto a súa creación foi accidental ou provocada. E no caso de ser provocada, se pesou máis a man dos Chitauri ou de HYDRA no asunto. Sen dúbida, prefiro a versión da banda deseñada, na que non hai tecnoloxía alieníxena polo medio nin tramas de sabotaxe, senón que é todo un experimento de Hank Pym que saíu mal por culpa do propio Pym.

Hulk, Viúva Negra, Visión, Ollo de Falcón, Mercurio e Bruxa Escarlata

Na mesma liña estaría La Visión, personaxe que na película ten unha aparencia magnífica, aínda que con outra indefinición á hora de explicar a súa creación, pois hai detalles que non quedan moi claros (especialmente a intervención de Thor), aínda que o feito de que o personaxe do cómic fose un androide cos patróns mentais de Simon Williams (Wonder Man) tiña máis graza, pois achegáballe un toque de humanidade que permitíalle chegar incluso a casar coa Bruxa Escarlata (algo que semella imposible no universo cinematográfico).

Hawkeye cantando

Un detalle que continúa a quedar mal nos filmes dos Vingadores é que non pegan nada os distintos personaxes nas escenas de acción, polo mero feito de que o Capitán América, Hawkeye (Ollo de Falcón) e a Black Widow (Viúva Negra) non son máis que formigas nas grandes batallas, véndose a súa presenza moi forzada e resultando moi difícil de corrixir este problema consecuencia do tipo de formación superheroica que temos (moi heteroxénea). Pero para facer do defecto virtude, na televisión norteamericana xa fan burla disto presentando a un Ollo de Falcón reivindicando a súa valía:

Jeremy Renner faino moi ben á hora de inxectar humor na promoción da peli, o que se agradece especialmente por non estar presente Tom Hiddleston (Loki) que era o encargado de facernos escachar coa risa os últimos anos.

Con Los Vengadores: La Era de Ultrón o que está moi ben é que avanza un paso máis cara a película que podería eclipsala totalmente o ano que vén: Capitán América: Guerra Civil.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS