A semana pasada tiven a fortuna de poder asistir á preestrea do filme de Alfonso Zarauza Os Fenómenos nos cines de Los Cantones Village, onde a película estará dispoñible para o público xeral a partires de mañá (en Compostela poderá versen en As Cancelas) e o acto de presentación da película foi toda unha festa, en boa medida porque o reparto é moi recoñecido polo público galego.
O reparto encabézano Lola Dueñas e Luís Tosar, que son os eixes da parte dramática da produción, pero eu gocei moito máis da parte máis amable, conseguida grazas á presenza de Miguel de Lira, Touriñán, Federico Pérez Rey, Xúlio Abonjo e incluso unha breve aparición de Farruco. As intervencións destes actores tan televisivos eran bastante simpáticas, e condimentaron axeitadamente unha historia bastante predicible. Persoalmente preferiría que a historia quedase na parte máis agradable, e non intentase converterse nun testemuño das penurias provocadas pola burbulla inmobiliaria.
Un detalle bastante rechamante da película é o seu idioma, xa que estamos ante unha obra bilingüe, no que podemos ver como a metade dos personaxes falan galego e o resto falan español, o que é un reflexo moi fiel da nosa sociedade, de aí que me sorprendera que nos anacos que puxeron no Telexornal da TVG o filme estivese totalmente dobrado ao galego (supoño que será a copia que emitan na Galega dentro duns meses).
Eu quedo co recordo dunha película galega feita por moi boa xente coa que puiden compartir uns bos momentos que retratei nunha galería fotográfica que publiquei en Facebook e recomendo ver o filme aos incondicionais dos actores aos que tanto aprecio collemos en Padre Casares, Mareas Vivas, Era Visto e moitas outras series da TVG.
ACTUALIZACIÓN (12-12-2014): Veñen de publicar unha listaxe dos cines nos que a partires de hoxe poderase ver Os Fenómenos:
Debe estar conectado para enviar un comentario.