Que a coroa do Campionato de Tirapedras fose parar a un de fóra en 2012 era algo que non podía repetirse, e así foi, cunha nova vitoria melidense nesta competición dun xogo popular a reivindicar:
De notable éxito pode cualificarse o VIII Campionato de Tirapedras da Galiza Central celebrado en Melide no día de hoxe e no que participaron un total de 61 competidores, dos dous sexos e de todas as idades. Entre os participantes atopábanse tanto melidaos e melidás residentes como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións na comarca, e mesmo visitantes circunstanciais e persoas chegadas expresamente para participar no evento. Especialmente significativo foi o número de nenos/as participantes que acadaron o número de 25.
O Campionato, que persegue contribuír á recuperación dos espazos tradicionais de xogo existentes no casco histórico de Melide, foi organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, contando co patrocinio do coñecido establecemento local Adega Mandil, e co apoio do Concello de Melide, da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira e da Comisión de Festas de San Roque.
O gañador absoluto da presente edición do Campionato foi o experimentado tirador melidao Manuel Mato, clasificándose en segundo e terceiro lugar, respectivamente, José Cajide e Manuel Taboada. En categoría infantil, o gañador foi Iago Álvarez, obtendo o segundo lugar Cristhian Garea e o terceiro Sergio Cajide.
Por terceiro ano consecutivo, os tiradores/as reuníronse na emblemática Praza das Coles. As persoas adultas lanzaron a 10 m de distancia contra tres dianas. Os menores fixérono a 5 m. tamén contra tres dianas. Cada lanzador/a dispuxo dun total de seis intentos.
Relación de persoas gañadoras do VIII Campionato de Tirapedras da Galiza Central:a) Menores de 14 anos:
1º Iago Álvarez
2º Christian Garea.
3º Sergio Cajide
b) Persoas adultas:
1º Manuel Mato
2º José Cajide
3º Manuel Taboada
Debe estar conectado para enviar un comentario.