O Campionato de Tirapedras xa ten gañadores

Veño de recibir a nota cos gañadores do Campionato de Tirapedras que tivo lugar esta tarde en Melide: O vasco-ourensán Paco Montanos, vencedor absoluto do VI Campionato de Tirapedras...

Campionato de Tirapedras
Veño de recibir a nota cos gañadores do Campionato de Tirapedras que tivo lugar esta tarde en Melide:

O vasco-ourensán Paco Montanos, vencedor absoluto do VI Campionato de Tirapedras da Galiza Central

De notable éxito pode cualificarse o VI Campionato de Tirapedras da Galiza Central celebrado en Melide no día de hoxe e no que participaron un total de 50 competidores, dos dous sexos e de todas as idades. Entre os participantes atopábanse tanto melidaos e melidás residentes como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións na comarca, e mesmo visitantes circunstanciais e persoas chegadas expresamente para participar no evento.
O Campionato, que persegue contribuír á recuperación dos espazos tradicionais de xogo existentes no casco histórico de Melide, foi organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, contando co patrocinio do coñecido establecemento local Adega O Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.
Gañadores adultos
O gañador absoluto da presente edición do Campionato foi o experimentado tirador vasco-ourensán Paco Montanos, clasificándose en segundo e terceiro lugar, respectivamente, os melidaos Guillermo Lareo e Antonio Rúa. En categoría infantil, o gañador foi Iván Varela, obtendo o segundo lugar Oier Pereiro e o terceiro Paulo Varela, quen na última edición celebrada ocupara xa o primeiro posto.
Como novidade, neste VI Campionato os tiradores reuníronse na céntrica Praza das Coles. As persoas adultas lanzaron a 10 m de distancia contra dúas dianas. Os menores, fixérono a 5 m. tamén contra dúas dianas. Cada lanzador dispuxo dun total de seis intentos.

As persoas gañadoras foron as seguintes:
Menores de 14 anos:
   1º Iván Varela
   2º Oier Pereiro
   3º Paulo Varela
Persoas adultas:
   1º Paco Montanos
   2º Guillermo Lareo
   3º Antonio Rúa

¿Que podo dicir? Pois… ¡que isto non pode volver a repetirse! ¡Que quede como gañador absoluto un tirador de fóra de Melide non pode ser! 😉
Parabéns a todos os participantes, que de seguro que pasaron unha boa xornada de competición.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS