Que anuncien que este ano Sony vai lanzar unha edición de SingStar para PlayStation 4 non creo que sorprenda a ninguén a estas alturas, pero que en Google Play e a App Store vaiamos ter unha aplicación oficial que permitirá converter o smartphone nun micrófono para o xogo, tanto na súa versión para PS3 coma para a de PS4 paréceme unha xenialidade… ou case. ¿Por que digo case? Pois porque sendo Sony un fabricante de teléfonos paréceme imperdoable que fixeran a aplicación móbil ao revés.
Non é preciso ser moi agudo para decatarse que o micrófono que aparece na pantalla do smartphone mira ao auricular do teléfono en vez de ao seu micrófono, polo que se agarramos o terminal como amosan no vídeo de presentación do SingStar para PlayStation 4 non se escoitaría nada xa que as mans do xogador bloquearían o micrófono do smartphone.
Sorpréndeme que non haxa xente en Twitter facendo burla do curioso detalle. Supoño que o feito de que esta curiosa proposta aforre o feito de ter que ter micrófonos dedicados para xogar ao SingStar é o único detalle que está a captar a atención, aínda que admito que considero decepcionante que Sony continúe na teima de vender o xogo completo cun catálogo de cancións, en vez de optar directamente por un formato descargable no que merquemos só as cancións coas que queiramos pintar a mona.
Debe estar conectado para enviar un comentario.