¿Momento para mercar un tablet con Windows?

Nos últimos anos parecía claro que á hora de mercar un tablet había 2 opción: o iPad se podes permitirte soltar unha pasta e estás conforme coas limitacións que...

Surface RT na FNAC

Nos últimos anos parecía claro que á hora de mercar un tablet había 2 opción: o iPad se podes permitirte soltar unha pasta e estás conforme coas limitacións que impón Apple aos seus produtos; e os dispositivos con Android se buscas algo barato e queres flexibilidade de produtos e usos. Pero a cousa estase a complicar, e coa chegada de Windows 8/RT estréitase a barreira entre tablets e ordenadores portátiles, estando polo momento o principal atranco para a súa implantación o seu elevado prezo, o que vai camiño de solucionarse.

Entre os dispositivos estrela con Windows RT estaba o Surface de Microsoft, un tablet de auténtico luxo no que se refire a deseño, que non soubo atopar un lugar no mercado, por non entender os consumidores o obxectivo da versión limitada de Windows, e precisamente iso convértese nunha oportunidade, xa que Microsoft rebaixou o equipo, anunciou que vai volver a ofertalo no Black Friday deste mes e tamén está presente en interesantes ofertas en España que gustaríame comentar: por unha banda temos que nas tendas da FNAC están a liquidar o Surface RT con 32 Gb de almacenamento interno a un prezo de 289 euros incluíndo a funda-teclado básica (por non dicir perralleira); pero quizais a oferta máis rechamante sexa a que estrean hoxe ao subscribirte por 2 anos ao diario ABC en Kiosko y Más, xa que cos 240 euros da subscrición inclúen un Surface RT de 32 Gb (o que non deixa de lembrarme aos anuncios nos que venden un bolígrafo e regalan unha entrada para o fútbol).

Quixera matizar que esta última oferta sería moi boa para quen queira un tablet relativamente barato, cunha pantalla de bo tamaño (10,6 polgadas), e principalmente para navegar pola web e usos ofimáticos (inclúe de balde a versión doméstica de Microsoft Office). Admitamos que en número de aplicacións non está á altura de Android e iOS, pero ten as máis importantes (Facebook, Twitter, Flipboard, Skype, Dropbox…), pero o feito de poder gozar dunha versión real do Office é algo que non teremos en ningún outro tablet deste prezo, coa vantaxe de que o sistema pode funcionar sen problema conectándolle teclados e ratos de ordendaro.

Conectividade do Surface RTDe feito, a nivel de hardware, toda a familia Surface é unha pasada. O ten un grosor de 0,94 centímetros, pesa 680 gramos e na súa parte traseira ten unha peaña retráctil que agradecerán moitos usuarios para cando queiran deixar o dispositivo sobre a mesa. Tamén conta con 2 Gb de RAM, 2 cámaras de alta definición, saída de vídeo (mini DisplayPort), Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, lector de tarxetas microSDXC e, o non menos importante, un porto USB 2.0 de tamaño completo. Dito doutro xeito: pode usarse como un tablet entre as mans, pero se o pos na mes e enchúfaslle un teclado e un rato, vai como un portátil para navegar pola web e utilizar o Word (cómpre advertir que as únicas aplicacións de Windows tradicionais que funcionan oficialmente son as incluídas no Office, pois para o resto limítase ás aplicacións deseñadas para tablets, entre as que non faltan o Internet Explorer e o Google Chrome).

Asus VivoTab Smart

Pero, ¿non hai equipos semellantes que non teñan a última limitación comentada? ¡Claro que si! As limitacións de Windows RT son consecuencia de empregar un procesador ARM (o típicos nos tablets), e de contar cun procesador Intel a cousa cambia, e xa teriamos un ordenador completo con forma de tablet. O problema destes primeiros equipos é o seu prezo, pois o está máis preto dun portátil de alta gama que dun tablet, pero coa chegada dos novos procesadores Atom de baixo consumo a cousa está a mudar, e agora temos nas tendas equipos como o Asus VivoTab Smart, que é moi semellante ao Windows RT, agás que carece da peaña traseira (o que pode suplirse cunha funda) e o seu porto USB é micro (o que tamén pode solucionarse cun cable adaptador). ¿E canto custa este atractivo equipo? Por resulta que xa pode atoparse por 299 euros. Un ordenador completo (aínda que coas limitacións de ter un procesador cativo e só 2 Gb de RAM), con forma de tablet e a un prezo inferior que un portátil ordinario… ¿unha compra ideal para o Nadal?

Ao ver este produto a este prezo, parece que optar por un Surface RT é ridículo, pois por 60 euros máis temos un produto moito máis completo (que ata serviría para presentar a declaración da Renda, algo que resulta imposible dende outros tablets) polo que serviría como ordenador de emerxencia para eses fogares que non demandan un ordenador para nada (que son máis dos que podemos pensar nun primeiro momento). Pero para quen se apañe co Office, o Surface RT segue a ser unha boa opción (especialmente polo seu magnífico acabado), e o prezo de 240 euros é unha auténtica ganga. Para gustos, cores; pero se algo queda claro é que os tablets con Windows por fin son unha opción asumible.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...