Trebellos de última hora con Windows 10

Estamos en vésperas do Nadal, e en datas tan sinaladas non faltará quen faga algunha compra tecnolóxica de última hora, aínda que algunhas tendas, posiblemente por non contar con...

Estamos en vésperas do Nadal, e en datas tan sinaladas non faltará quen faga algunha compra tecnolóxica de última hora, aínda que algunhas tendas, posiblemente por non contar con existencia dabondo para unha boa promoción, optaron por estrear produtos esta mesma semana, e quixera comentalos simplemente porque vexo que causaron sensación entre moitos.

Unha tableta para os peques

energytablet8windowslegoedition_11A Energy Tablet 8” Windows LEGO Edition paréceme unha xenialidade, xa que trátase dunha versión da tableta de 8 polgadas de Energy Sistem que fuxe da aburrida cor gris, e preséntase cun rechamante amarelo que acompaña ao logotipo de LEGO, o que é un potente reclamo.

Realmente é unha boa idea mercar unha tableta con Windows 10 a un cativo? Pois eu creo que, se non é moi pequeno, é un agasallo ideal, xa que Windows é unha plataforma totalmente solvente para navegar pola web e consumir contidos multimedia (de feito, á hora de reproducir contidos en formatos raros non hai nada mellor). A única carencia salientable sería a falta do nutrido catálogo de xogos adaptados á pantalla táctil, polo que no caso de rapaces nos que o xogo coa tableta non importe, e aposten máis por YouTube, Netflix e cousas polo estilo… Windows 10 é unha magnífica opción.

Unha das grandes vantaxes de Windows 10 é que é un sistema operativo de ordenador completo, ou sexa, que tamén é moi práctico para facer traballos da escola, para editar pequenos ficheiros multimedia e incluso para conectar a un televisor (para facer presentacións ou para usalo como reprodutor de vídeo).

Se temos en conta que o prezo deste produto tan versátil é de 99 euros no Carrefour (é unha oferta, xa que o prezo oficial é de 109 euros), coido que xa non hai espazo para a discusión. É un produto transportable, atractivo visualmente, e que pode servir para o lecer e algún uso serio puntual. Unha relación prestacións-prezo moi difícil de igual, polo que sospeito que voará das tendas durante estas datas.

Un 2-en-1 de confianza

fnac_oneNos últimos tempos puidemos ver como na Fnac vendían smartphones e tabletas de Bq baixo a súa propia marca, conseguindo que os consumidores visen con bos ollos eses produtos, o que levou á cadea de tendas a ampliar a súa liña de produtos electrónicos coa colaboración de Sunstech, e así estrean o Fnac One, un equipo que pode lembrarnos ao anterior, por ser unha tableta con Windows 10, pero que opta por unha pantalla de 10,1 polgadas, 2 GB de RAM e un accesorio extraíble que engade teclado e touchpad para poder traballar co equipo coma se fose un ordenador portátil ordinario.

Este tipo de equipos son os herdeiros dos fracasados netbooks, pero desta volta teñen potencia dabondo para mover software ofimático con soltura, navegar pola web, consumir multimedia… combinando dun xeito moi axeitado o mundo das tabletas co dos portátiles, e achegándoo a un prezo moi competitivo, xa que estamos a falar dun trebello que sae á venda por 239,99 euros.

Aínda que por uns 300 euros sexa posible atopar solucións semellantes cun procesador máis potente, 4 GB de RAM  e 128 GB de almacenamento interno, o feito de que o equipo que vende a Fnac non chegue aos 250 euros é un pouco moi ao seu favor, que podería convertelo nun agasallo de última hora que case se merque a cegas, sempre que teñan unidades nas tendas.

Eu sería máis partidario de mercar un equipo máis potente para evitar o efecto netbook, pero realmente hai que recoñecer que o Fnac One é máis que suficiente para moitos, polo que apostaría algo a que vai causar furor en canto a xente comece a velo en tenda xunto ao seu prezo.

Windows 10: a chave

Estamos nun momento moi interesante, xa que Windows 10 conseguiu finalmente o favor do público, polo que vai resultar doado vender tabletas con este sistema que gozan co atractivo de poder funcionar como ordenadores completos, especialmente porque Android en tabletas achega unha experiencia de uso moi mellorable (ao contrario co que pasa en iOS, o número de aplicacións de Android ben adaptadas a tabletas é ridículo). Pensar nun equipo pequeno, lixeiro e cun prezo axustado, que teña a potencia dun ordenador e custe menos que un iPad hai pouco parecería un soño e, curiosamente, as propostas que hai uns anos perseguían crear ordenadores de 100 dólares para os nenos de todo o mundo agora teñen unha tecnoloxía superior ao que buscaban inicialmente (especialmente en versatilidade).

Non está nada claro que as tabletas vaian ser un produto de éxito a longo prazo, pero apostar por un sistema operativo como Windows 10 é toda unha garantía para os compradores que queiran facerse cun equipo que non pase de moda.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...