Sintonizador de TDT con conexión de rede

Nos últimos meses preguntáronme un par de veces por certas sintonizadoras de televisión para empregar con smartphones e tablets, e non me atrevín a recomendar eses dispositivos pola súa...

AverMedia HD HomeFree Duet

Nos últimos meses preguntáronme un par de veces por certas sintonizadoras de televisión para empregar con smartphones e tablets, e non me atrevín a recomendar eses dispositivos pola súa grande eiva de que principalmente están deseñados para funcionar como unha antena de cornos, ou sexa, que como non vivas preto dun repetidor, vas apañado. Algún modelo incluía un adaptador para poder conectar o sintonizador externo á toma doméstica da casa, pero iso está moi lonxe de ser unha solución cómoda (tes que achegar o dispositivo móbil a unha toma de antena) polo que a solución que considero máis atinada e versátil é a de empregar un sintonizador en rede, o que ata hai pouco era un auténtico luxo, pero que agora pode conseguirse a prezos bastante asumibles.

conexións traseirasFalo concretamente do sintonizador AverMedia HD HomeFree Duet, que é un dispositivo externamente moi básico, pois limítase a presentar unha entrada de corrente, un conector Ethernet (para conectar o trebello ao router doméstico), unha entrada de antena e un botón de acendido. ¿E que fai este chisme? Pois colle o sinal da TDT (tanto canles de televisión como de radio) a través de 2 sintonizadores integrados e remite as súas emisións a través da nosa rede doméstica, de xeito que dende un ordenador (con Windows ou OS X) ou un iPad podemos ver a televisión en directo, e incluso gravar as emisións.

AverTV6 baixo Windows 7

No caso dun ordenador con Windows temos que instalar a aplicación AverTV6 (cuspidiña á aplicación que teñen as sintonizadoras USB de Aver) ou o controlador para poder empregar esta solución dende a aplicación de Windows Media Center (ambas opción son excluíntes, ou sexa, que optamos por unha ou pola outra), nun Mac podemos instalar a aplicación HomeFree Player da Mac App Store e nun iPad temos tamén unha versión do HomeFree Player na App Store. Esta última versión só permite a recepción das canles de televisión en definición estándar (deixa fóra a alta definición e a radio) e resulta moi cómoda para, por exemplo, poder ver a televisión na cama ou na cociña, sen ter que facer instalacións de ningún tipo.

AverMedia HD HomeFree Duet nun iPad e nun MacBook Air

Un detalle destacable do AverMedia HD HomeFree Duet é que conte con 2 sintonizadores, pois iso permite ver unha canle mentres gravamos outra, ou incluso poder ver a televisión en dous equipos á vez. Unha marabilla (tanto por ser multi-plataforma como por permitir librarse relativamente de cables) para os que aínda vexan televisión en directo, e que aínda que ata hai pouco tempo vendíase a un prezo duns 160 euros (o trebello equivalente de Elgato está á venda nas Apple Store por 204,95 euros), pode atoparse en Amazon Francia por 49,90 euros, e de cando en vez aparece de oferta en tendas españolas.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...