Onte pola tarde-noite tiven a sorte de poder acudir ao relatorio que impartiu o premio Nobel Eric Allin Cornell no Auditorio Novagalicia Banco de Compostela, aínda que para min ese local sempre será o de El Pilar Grandes Almacenes, aínda que recoñezo que a renovación sentoulle moi ben.
Teño entendido que trátase dun enclave infrautilizado, o que tampouco me sorprende se temos en conta que está a poucos metros da praza de Cervantes (onde hai outro centro cultural da mesma entidade financeira), pero admito que nunca me entrou na cabeza a organización cultural de Compostela (lembro días con 3 obras de teatro simultáneas na cidade, no que parece unha clara desvinculación de oferta e demanda).
Pero volvendo ao relatorio, temos que agradecer ao profesor Jorge Mira e ao seu programa de divulgación científica ConCiencia que puidésemos gozar da presenza de Cornell nunha charla sobre a entropía que foi toda unha sorpresa, pois non só Mira presentou ao relator dun xeito moi divertido, senón que o convidado soubo corresponder cunha exposición moi simpática, chea de bromas, na que soubo deixar claro ao auditorio o que quería explicar á vez que, na quenda de preguntas, cando alguén cuestionaba algo fóra do seu ámbito de coñecemento, recoñecía humildemente a súa ignorancia. Poucas veces podemos ver a unha figura tan importante para a Ciencia aproximarse ao público dun xeito tan natural.
De feito, o que máis me sorprendeu da charla foi a presenza dun público moi heteroxéneo, pois había dende estudantes de secundaria ata xubilados, e non se limitaba o encontro a medios de comunicación e autoridades do ámbito universitario. Temos así que a Ciencia pode levar á xente a encher un auditorio sempre que se saiba vender ben o produto. Todo un exemplo a seguir.
Pero o que me resultou máis curioso de todo foi descubrir nas últimas horas un vídeo no que abordan un dos temas que citaron Cornell e Mira, a Teoría de Cordas, pero explicando o asunto
en inglés con música de Queen:
Que non se diga que non hai xente imaxinativa e orixinal, e aínda que tras o vídeo o normal é non entender nada da teoría en cuestión, cando menos sábese da súa existencia, que non é pouco.
Debe estar conectado para enviar un comentario.