Rematou o VII Campionato de Tirapedras da Galiza Central en Melide, e como grande titular temos que Leoncio Loureiro, gañador da edición de 2011, recupera a gloria e volve proclamarse gañador absoluto da competición de tiracroios. Velaquí o comunicado da organización do evento:
De notable éxito pode cualificarse o VII Campionato de Tirapedras da Galiza Central celebrado en Melide no día de hoxe e no que participaron un total de 48 competidores, dos dous sexos e de todas as idades. Entre os participantes atopábanse tanto melidaos e melidás residentes como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións na comarca, e mesmo visitantes circunstanciais e persoas chegadas expresamente para participar no evento.
O Campionato, que persegue contribuír á recuperación dos espazos tradicionais de xogo existentes no casco histórico de Melide, foi organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, contando co patrocinio do coñecido establecemento local Adega Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.
O gañador absoluto da presente edición do Campionato foi o experimentado tirador melidao Leoncio Loureiro, clasificándose en segundo e terceiro lugar, respectivamente, o melidao Manuel Mato e o vasco-ourensán Paco Montanos, este último gañador da edición do campionato de 2012. En categoría infantil, o gañador foiCristian Garea, obtendo o segundo lugar Alí Barka e o terceiro Iván Varela.
Por segundo ano consecutivo, os tiradores reuníronse na emblemática Praza das Coles. As persoas adultas lanzaron a 10 m de distancia contra tres dianas. Os menores fixérono a 5 m. tamén contra tres dianas. Cada lanzador/a dispuxo dun total de seis intentos.
As persoas gañadoras foron as seguintes:
a) Menores de 14 anos:
1º Cristian Garea
2º Alí Barka
3º Iván Varelab) Persoas adultas:
1º Leoncio Loureiro
2º Manuel Mato
3º Paco Montanos
Debe estar conectado para enviar un comentario.