Este luns vin que nos estantes do Eroski do meu barrio na Coruña puxeran nos estantes da zona de panadería e repostería unhas bolsas do que segundo a súa etiqueta eran melindres, polo que achegueime a botar un ollo, pois como era xusto na mesma semana que a Festa do Melindre de Melide, quería mirar se algún reposteiro melidense chegara a un acordo de distribución, pero levei unha grande decepción ao ver que realmente o que había nas bolsas eran un produto cuspidiño ás típicas roscas de feira, pero de tamaño cativo. De feito, incluso son da mesma compañía que fai as roscas que venden no Eroski.
Nun principio non comentaría nada do asunto se non fose porque coincide no tempo coa festa de exaltación gastronómica melidense e porque o produto non se parece practicamente en nada aos melindres de Melide, de xeito que os que proben os Melindres de Vilalba poden sentirse totalmente decepcionados. Xa sei que hai moitos tipos de melindres en Galicia (incluso hai que lles bota anís) pero quería deixar claro que os que andan circulando por aí non teñen nada que ver cos de Melide, que son un produto que considero máis fino e moitísimo máis saboroso.
Para gustos, cores. Pero se queredes saber do que falo, pasade o domingo por Melide a probar a nosa repostaría, ou aproveitade algún día que vaiades por alí de paso para darlle unha oportunidade a estas elaboracións artesanais melidenses.
ACTUALIZACIÓN: Dende a Asociación de Repostería Tradicional Melide Terra Doce comentan que no Eroski de Lugo plaxiaron o cartel da Festa do Melindre con total descaro, o que non tería importancia se fose para promover o produto melidense, pero ao tratarse dunha promoción para vender material dunha casa comercial de repostaría industrial de Vilalba… a cousa non quedou nada ben e podería considerarse unha auténtica fraude (por disfrazar un produto industrial dunha elaboración artesá de calidade).
Debe estar conectado para enviar un comentario.