WhatsApp non é de balde

Estou a alucinar cos medios de comunicación tradicionais á hora de dar novas sobre o sector tecnolóxico, pois pasan de non tocar certos temas a convertelos en escándalos e...

Estou a alucinar cos medios de comunicación tradicionais á hora de dar novas sobre o sector tecnolóxico, pois pasan de non tocar certos temas a convertelos en escándalos e dar por informacións contrastadas a comentarios en foros. ¿Por que non contrastan informacións que afectan a millóns de usuarios cando si o fan con simples declaracións sobre temas de pouca repercusión?

Iso dígoo ante un artigo publicado en La Voz de Galicia cun titular que reza que “Whatsapp da marcha atrás y sigue siendo gratis para Android”, e que resulta estar chea de erros. Para comezar, é mentira que WhatsApp dese marcha atrás e sexa de balde e, de feito, no artigo que firmado por La Voz non citan ningunha fonte para tal afirmación, pero escarvando un pouco podemos ver que son varios os medios de comunicación que publican tal nova, dos que un par deles molestáronse en citar á fonte: un artigo en ADSLzone no que, se lemos os comentarios, podemos debullar realmente o que está a pasar.

O que pasa é que, cando agora caduca unha subscrición a WhatsApp, algúns usuarios (non todos) están a recibir máis adiante (1-3 días) unha renovación do servizo por 30 días, no que ten toda a pinta de ser un período de graza para que o usuario non abandone o sistema definitivamente, e o pense mellor. Pero resulta que xa hai usuarios que tiveron eses días de graza antes, e superado o prazo o programa desactivóuselles definitivamente. Ou sexa, que iso de que pase a ser de balde para Android, nel de panel.

Dende La Voz tamén aseguran que WhatsApp anunciou a semana pasada que empezaría a cobrar aos usuarios de Android, o que tamén é falso. A semana pasada foi cando os medios españois falaron do tema (en EE.UU. comentárono bastante antes), pero WhatsApp nunca fixo comunicados ao respecto porque a aplicación sempre foi de pagamento (só que como cortesía ampliou o período inicial durante varios anos). ¿Dende cando as compañías dan difusión ao remate dunha promoción?

Non gusto que La Voz non corrixise a información (especialmente porque en Twitter xerou máis de 500 rechouchíos e crecendo), pero o peor de todo este rebumbio é que está a ser amplificado por canles de televisión, que seguen a dar por certo o que len noutros medios sen contrastalo, e xa hai informativos que dixeron que o WhatsApp volve a ser de balde para Android e, en consecuencia, hai moitos usuarios que están a protestar porque xa pagaron.

O que si criticaron moitos como inxusto é que os usuarios de iPhone só paguen por WhatsApp 0,89 euros de por vida, mentres que os de Android pagan 0,99 dólares/ano, o que coido que vai parar de pasar, pois a versión 2.9.3451 de WhatsApp (aínda non dispoñible en Google Play, pero presente na páxina web da compañía) inclúe como descrición que aos usuarios que pagasen polo servizo non se lle preguntará polo pagamento outra vez. Entendo que refírese a que adoptará o mesmo modelo de negocio de pagamento único que en iOS (aínda que non está nada claro), e de ser así sería unha boa nova que podería levar a moitos a non deixar o WhatsApp, pois se só hai que buscarse a vida para pagar unha vez, sempre podes pedirlle a algún colega que controle que que pague os 0,99 dólares (uns 0,77 euros) por PayPal, e quedar así tranquilo, sen ter que andar a bailar entre a multitude de aplicacións que están dispoñibles, pero que teñen un número de usuarios activos moi inferior.

Sobra dicir que tamén hai trucos para renovar a subscrición de balde, como instalar a aplicación noutro móbil e despois volver ao móbil habitual, pero ese tipo de prácticas son bastante porcas en varios sentidos, e por menos dun euro non creo que paguen a pena. Do resto de trucos que hai por aí, mellor non facer caso, pois hai moitos bulos que agochan timos (WhatsApp é unha aplicación baseada nos servidores da súa compañía, non nos datos almacenados no móbil, polo que non chega con descargar unha versión pirata para poder empregar o servizo de balde).

ACTUALIZACIÓN (12-3-2013): Hoxe avisáronme de que a falsa nova do WhatsApp chegou aos informativos da TVG:

Como noutras ocasións, dan por boa a información de La Voz de Galicia, chegando a fusilar os seus contidos case literalmente. Unha mágoa que os medios continúan a dar difusión a unha nova baseada en rumores, sen fontes fiables e incluso con desmentidos publicados noutros medios e que poden localizarse cunha simple busca de Google.

Tamén resulta vergoñento que a estas alturas, confirmadísima a falsidade da información publicada por La Voz, editasen a nova esta mesma tarde, pero sen retractarse e nin sequera corrixir as erratas. Están a manter viva dun xeito activo unha información que confunde e engana aos usuarios.

2ª ACTUALIZACIÓN (12-3-2013): O de La Voz xa non ten nome. Volven á carga cun novo artigo sobre WhatsApp e LINE, sen corrixir o anterior, pondo en dúbida as propias declaracións do co fundador de WhatsApp negando que botarán atrás o seu modelo de negocio. ¡Incrible! ¿Dende cando un ruxerruxe ten máis valor que un desmentido? ¿Tan difícil é recoñecer un erro?
O artigo tamén mete bastante a zoca ao falar de que LINE superou a WhatsApp en Google Play, cando iso aconteceu unha chea de veces, e incluso Facebook ten superado a WhatsApp, pois ningunha aplicación domina as descargas durante un longo período de tempo porque o top mide o volume de descargas nos últimos días, e as aplicacións actualízanse con pouca frecuencia. Nesta ocasión está claro que o que acontece é que a última actualización de WhatsApp en Google Play é de xaneiro, mentres que LINE actualizouse o pasado venres. De feito, xa hai unha nova versión de WhatsApp na súa páxina web, polo que uns días despois a que se publique WhatsApp en Google Play a aplicación colocarase de novo no nº 1 de aplicacións de balde.
E tamén hai que ter moi en conta que LINE está a medrar en descargas porque está a anunciarse pola televisión, polo que moitos están a probar a aplicación (de feito, no pasado tamén conseguiu subir á cima de Google Play grazas a pór moita publicidade noutras aplicacións para Android). Para saber se imporase a WhatsApp haberá que agardar meses, pero do que hai cada vez máis dúbidas é do modelo de negocio de LINE, pois están a gastar cantidades desproporcionadas en promoción, o que dificilmente compensarán vendendo adhesivos virtuais.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...