Loito en Galicia

Estamos a celebrar o Día de Galicia cunha xornada de loito, por mor dun accidente ridículo que podería terse evitado. E ao día despois faise balance das vítimas mortais,...

crtvg_imaxes_aereas

Estamos a celebrar o Día de Galicia cunha xornada de loito, por mor dun accidente ridículo que podería terse evitado. E ao día despois faise balance das vítimas mortais, póñense medidas para atender aos seus familiares, mobilízanse recursos para que os feridos poidan saír desta… pero tamén investíganse as causas do accidente, cesan todas as celebracións no que queda de mes a nivel autonómico (o que tamén terá grandes consecuencias económicas) e procúrase dar a mellor cobertura informativa posible sobre o tema de actualidade dun xeito bastánte heteroxéneo, algo do que non podo evitar soltar algunhas palabriñas.

Para comezar quixera destacar o traballo dos compañeiros da CRTVG, pois pese a estar boa parte do persoal de vacacións e os recursos mobilizados para cubrir os Fogos do Apóstolo, conseguiron reaccionar, e deron detalles durante moitas horas, cun grande esforzo humano que continúa durante a xornada de hoxe. As cousas comezaron con dificultade, pero unha vez posto en marcha o motor informativo, informaron de xeito continuo en radio e televisión.

a TVG emitía imaxes en plena noiteUn dos detalles a salientar é que a TVG fixo conexións en directo en momentos moi complicados, nos que fallaban as comunicacións (e cando xa era noite pecha), o que provocaba que a imaxe en pantalla aparecese pixelada, pero iso perdóase porque estaban a dar información en directo dende o terreo, algo que non facía así ningunha outra canle. Un esforzo que agora está a recoñecerse dende toda España.

Outra canle que marcou un bo tanto foi V Televisión, que dende o programa Vía V puido adiantar moitas informacións en primicia (pareceume surrealista que a información oficial chegase bastante antes a este medio que á televisión pública), aínda que, ao coincidir todo cunha entrevista a José Blanco, a sensación que pidamos ter era moi incómoda, pois non cancelaron a entrevista, senón que a intercalaban coa información do sinistro. A cobertura quedou rariña.

Pero o máis lamentable da noite non foi que as canles de televisión estatais pasasen olimpicamente de cubrir o accidente nas primeiras horas, senón o feito de que a canle pública de información as 24 horas demostrou o mal que lle fixeron os recortes, ao tardar un par de horas en falar do suceso e dar a información do peor xeito posible: ante a carencia de imaxes do sinistro, puxeron vídeos doutros accidentes ferroviarios sen avisar diso; a altas horas da noite apenas tiñas uns segundos de vídeo sobre o accidente, a parte delas eran de cando aínda era de día (o que resultaba surrealista para unha información en vivo); e os datos e as informacións que daban estaban terriblemente mal (instaban a que a xente fose a doar ao CHUS, cando tiñan que pedirlles que fosen ao Centro de Transfusións de Galicia, e para colmo de males, cando na televisión pedian doadores, as autoridades xa dicían que non fose ninguén a doar porque non daban feito). Agora é cando estamos a ver o prezo que ten reducir os orzamentos das televisións públicas e a carancia dunha canle como CNN+.

moitos reporteiros están a cubrir a información para a TVGUnha vez pasada a noite, a TVG e a Radio Galega continúan a ser os medios audiovisuais que máis están a esforzarse en dar cumprida información sobre a traxedia, e prometen seguir así durante moitas horas. Os xornais en liña tamén están a facer un bo traballo, aínda que no caso das edicións impresas a cousa deu moito máis que falar do que sería desexable. Velaquí unha mostra de portadas desta mañá:

Toda unha sorpresa ver que un accidente en Galicia ocupaba a portada do New York Times, pero en territorio español vimos algunhas portadas non tan afortunadas:

Se ben, a fotografía de La Vanguardia recoñezo que é moi boa (tanto a nivel técnico como servindo para ilustrar os feitos), non parece unha boa selección para a portada; pero o caso de La Voz de Galicia é noxento, recreándose no padecemento, e amosando ás vítimas en primeiro plano. Na páxina web esas imaxes figuraban en galerías fotográficas, que só mirabas se estabas interesado en velas, pero cando pos algo en portada, non das opción a afastar a vista.

A crítica nas redes sociais á portada de La Voz é unánime, e se botamos a vista atrás, outros xornais que fixeron cousas parecidas no pasado chegaron a recoñecer publicamente o seu erro, polo que o feito de que La Voz tropece nesa pedra é toda unha mágoa pois, por outra banda, foi un dos medios que deu máis información sobre o accidente.

Un exemplo de mensaxes indignadas coa cabeceira coruñesa:

O que non chego a comprender é que agora, a título persoal, haxa profesionais de La Voz que estean a defender a portada nas redes sociais. Non vén a conto que se queixen de que outros dean leccións de xornalismo ou que digan que no resto de portadas tamén saen vítimas (o que non deixa de ser unha verdade a medias, pois que se poidan distinguir corpos nunha fotografía xeral é inevitable, pero que as vítimas sexan a parte principal da composición e incluso poida distinguírselle a cara é algo completamente distinto). Hai medios de comunicación que teñen códigos deontolóxicos nos que prohiben ese tipo de prácticas, e defender a portada de hoxe paréceme ridículo. O máis razoable pareceríame pedir perdón, pero iso tería que facelo o responsable da elección da fotografía, que dubido que queira dar a cara ante semellante falta de respecto ás vítimas e á meirande parte dos lectores do seu xornal.

Esperemos agora que, portadas aparte, a meirande parte dos medios saiba dar información con tacto, sen entrar en detalles escabrosos, e sen buscar dramatizar ao redor das historias persoais. Facer xornalismo sen entrar no sensacionalismo é posible e desexable.

ACTUALIZACIÓN: Non parece que sexan só os cidadáns os que critiquen o que fixo La Voz coa súa portada, senón que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sen citar casos concretos, publicou hoxe un comunicado pedindo respecto polas vítimas. A asociación ten tamén na súa páxina web un decálogo de recomendacións para as coberturas informativas de catástrofes, que por desgraza non están a seguir moitos medios.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS