Tanxencias Comics pecha o 27 de marzo

É un día moi triste para os afeccionados á banda deseñada e á cultura que florece ao seu redor na Coruña, pois a primeira libraría especializada en cómic da...

É un día moi triste para os afeccionados á banda deseñada e á cultura que florece ao seu redor na Coruña, pois a primeira libraría especializada en cómic da cidade herculina anunciou hoxe que o vindeiro 27 de marzo pechará as súas portas, pondo punto e final a 17 anos de historia na que os afeccionados á novena arte puidemos contar cun establecemento no que atopar as nosas publicacións favoritas.

Fachada de Tanxencias Comics en 2002

Moitos lectores visitaban a tenda na praza Padre Rubinos, e outros coñecían Tanxencias Comics pola súa presenza na Feira do Libro, en Viñetas desde o Atlántico, en ExpOtaku e noutras feiras, o que tamén servía para achegarse a un tipo de lectura que hai moito que deixou de ser considerada cousa de nenos, o que resultaba evidente co nacemento de librarías especializadas (frecuentas principalmente por público adulto).

Pero estamos nunha situación moi complicada, na que a conxuntura económica é desfavorable e o nivel comercial do sector tampouco é para tirar foguetes, tanto polo reducido interese das novidades editoriais como da falta dun relevo xeracional (era curioso ver como cada ano medraba a idade media dos clientes de Tanxencias). Para percibir claramente o último chega con ver a cantidade de reedicións de clásicos en volumes de grande tamaño e prezos elevados, que claramente buscan a un público como moitos anos de lectura ás costas e pouco tempo para seguir coleccións mensuais.

Eu mesmo levo bastantes meses mercando poucos comics, pois estou desencantado coa editorial DC tras o seu reboot (que paréceme unha desfeita sen precedentes) e tras o Asedio da Marvel tampouco atopei un incentivo para seguir a ler as obras da Fábrica de Ideas. Tamén leo cousas doutras editoriais, pero precisamente en España levan un ritmo de publicación tan lento, que fai que as compras distánciense moito no tempo. Por todo isto coido que o peche de Tanxencias vai supor para min un cambio radical no meu consumo de comics, de xeito que deixarei de adquirir series regulares en papel, e só pillarei algunha cousa en formato físico en momento puntuais. Espero que a oferta dixital consiga estar á altura.

[content_right title=””]

Liquidación con
descontos do 25-50%

[/content_right]Faltan pouco máis de 2 semanas para que Tanxencias Comics diga adeus, e para deixar lastre e despedirse dos clientes que foi acumulando ao longo da súa vida, inicia hoxe unha liquidación que supón descontos do 25-50%, o que é unha grande oportunidade para facerse con algún cómic que se deixase pasar nos últimos meses, ou para pillar algún deses tomazos que parecían un investimento moi elevado no seu momento, e que agora preséntase como unha atractiva compra que levar para casa.

Espero seguir coincidindo de cando en vez con Fer e Sue, que en todos estes anos demostraron ser moito máis que uns subministradores de “vicio en 32 páxinas” (como escoitei un día definir o cómic a Fernando cando entrou unha señora na tenda buscando material escolar). Un par de amigos deixan de estar detrás do mostrador, pero seguro que nos cruzaremos con eles en moitas outras ocasións, pois se algo demostran eventos como Viñetas desde o Atlántico é que o frikerío coruñés é practicamente unha comunidade, e Tanxencias foi unha das sementes que contribuíron a que xermolases.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS