Rompe Ralph: o novo Toy Story

Aos cines españois chegou onte o filme Rompe Ralph, película tan divertida como predicible, ambientada nuns salóns recreativos nunha época na que aínda están de moda e centrándose a...

Aos cines españois chegou onte o filme Rompe Ralph, película tan divertida como predicible, ambientada nuns salóns recreativos nunha época na que aínda están de moda e centrándose a historia nun xogo que parece estar inspirado en Donkey Kong (con toques de Crazy Climber).

Rompe Ralph en Malos Anónimos

A historia cóntaa Ralph, o malo do seu xogo, que está farto de ser rexeitado por parte do resto de habitantes do seu xogo, o que acentúase cando vive a súa particular crise dos 30.

Ralph compartindo unha cereixa con Q*bert

Contrasta o feito de que, aínda que o traballo de Ralph sexa ser malo rachando todo o que pilla por diante coas súas grandes mans, ten un grande corazón, e non dubida en compartir unha das cereixas que roubou do xogo de Pac-Man con personaxes esquecidos como Q*bert.

O contraste entre o seu carácter real e o seu papel no videoxogo Fix It Felix Jr. lévao a soñar con facerse cunha medalla de heroe como as que consegue o seu antagonista cando o xogador completa con éxito unha das súas partidas.

Para perseguir o seu soño, Ralph fuxe unha noite, cando os recreativos están pechados, ao xogo Hero’s Duty, para gañar unha das medallas nese xogo novo no que uns marines espaciais teñen que derrotar a unha vaga de ciber-bechos.

Contra todo prognóstico, Ralph consegue chegar até a medalla do xogo, pero accidentalmente desata os caos e remata meténdose cun dos perigosos bechos (que son unha especie de virus informático) nunha cápsula de salvamento que o lanza ao xogo Sugar Rush.

En Sugar Rush, un xogo de carreiras de coches inspirado en Mario Kart (aínda que cunha estética máis semellante ao Sonic & SEGA All-Star Racing), no que todo está feito de sustancias doces, e que é unha grande obra de creatividade na que fíxome especialmente graza que houbese unha especie de volcán de Coca-Cola Light que é posible grazas a certo efecto que ten o refresco ao mesturarse con caramelos Mentos.

Uns personaxes un tanto cutres, pero que coido que serven para ilustrar a orixinalidade dos deseños de Rompe Ralph son os policías do mundo de Sugar Rush, que veñen a ser unha especie de donuts (¿unha referencia a que os polis norteamericanos frecuentan os establecementos nos que venden a peza de bolería favorita de Homer Simpson?).

En Sugar Rush temos que Ralph ten un accidente, e perde a súa desexada medalla, o que o leva a chegar a un acordo cunha nena repelente chamada Vanellope, de xeito que Ralph axúdaa a conseguir un coche para competir nunha carreira no xogo e así Ralph poderá obter a medalla para volver ao seu videoxogo orgulloso. Pero o que buscan os personaxes remata converténdose nunha aventura épica, na que o ciber-becho que viaxou na cápsula de escape con Ralph pon en perigo a todo Sugar Rush, Félix ten que unir forzas coa Sarxento Tamora de Hero’s Duty para arranxar a situación, e destápase toda unha trama de corrupción que só Ralph pode solucionar converténdose nun auténtico heroe.

Na película podemos ver como Ryu e Ken deixan o seu xogo para tomar unhas birras

A película é realmente simple, e carece de sorpresas para que vise o seu trailer e saiba sumar 2 e 2, pero gózase na súa totalidade, especialmente entre os espectadores que nos criamos cos videoxogos. Se Toy Story reivindicaba os vellos xoguetes da infancia, Rompe Ralph fai o mesmo cos videoxogos dos que algúns gozamos en máquinas recreativas, con numerosas referencias que van dende personaxes que saen de fondo ata o feito de que os personaxes de xogos moi vellos van a poucos fotogramas por segundo. Impagable é a aparición dos personaxes de Street Fighter, o uso do Konami Code por parte do Rei Candy e o reflexo que fan dos salóns recreativos de finais dos 80 e primeiros dos 90 (con detalles como os chupóns de máquinas ou a xente poñendo as moedas en fila nas máquinas para indicar as quendas das vindeiras partidas). E aínda que no filme haxa varios detalles lost in translation, perdóaselle todo cando chegan os títulos de crédito finais, onde hai unha animación na que homenaxean a bastantes xogos e incluso pechan a película como se a máquina recreativa na que a estamos vendo se escangallase.

Queda agora esperar a unha secuela que xa está confirmada, e que espero que aborde o tempo no que os salóns creativos pasaron ao esquecemento e emerxeron as consolas de videoxogos domésticas, ou sexa, a época da Dreamcast e a PlayStation 2, pero sen ir máis adiante, para deixar o xogo en liña para unha terceira entrega, pois así podía quedar unha triloxía molona.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Videoxogos de papel

    A nostalxia ten moita forza, e de cando en vez serve de inspiración para fermosas marabillas, como o vídeo de Eric Powers no que fixo un repaso da historia...
  • Queremos tarifas planas de banda deseñada?

    Non hai dúbidas en que estamos chegando a un momento no que as plataformas de subscrición para acceder a contidos baixo demanda saturan a calquera, sendo impensable que un...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • En Suíza tamén hai cosplay

    Que actualmente hai convencións fikis por todo o mundo non é ningunha sorpresa, pero sorpréndeme non ter escoitado nunca falar da que montan en Basilea, pois «a Comic Con...