El País vai ao carallo

Hoxe é un día moi triste para a profesión do xornalismo en España, por facerse moi visible a crise do sector, non só pola conxuntura económica e os cambios...

Hoxe é un día moi triste para a profesión do xornalismo en España, por facerse moi visible a crise do sector, non só pola conxuntura económica e os cambios nos modelos de negocios, senón pola falta de sensibilidade (e sentidiño) dos máximos responsables das cabeceiras, que parecen esquecer ás persoas que fan posibles os produtos que pretenden continuar a explotar sen manter a súa calidade.

Os despedimentos en El País ocuparon esta tarde 4 dos 10 temas do momento en Twitter

Pero o da pasada tarde foi moi forte, pois deuse a entender que El País despedía a 129 empregados avisándoos por e-mail, o que sería un acto extraordinariamente cobarde (o que provocou unha reacción masiva na Rede), pero que logo descubriríase que non era exactamente así, senón que foi o comité de empresa o que avisou aos afectados(o que cambia bastante o asunto, no que ás formas se refire). Moitos dos futuros despedidos (aínda non se lles comunicou a súa baixa no xornal de xeito oficial) informaron da súa situación en Twitter, polo que xa sabemos que sinaturas como Ramón Lobo, Manuel Cuéllar, José Yoldi, Antonio Fraguas, Miguel Ángel Villena, Javier Valenzuela, Santiago Carcar e moitos outros deixarán as páxina de El País, así como 8 dos 12 integrantes da delegación de Galicia do xornal, o que vén a ser a súa práctica desintegración.

Podemos ver moitos dos comentarios realizados en Twitter a través de Storify:
Ver os comentarios ▼

O dos despedimentos resulta especialmente grave porque comeza por abaixo, o que é moi inxusto, xa que José Luís Cebrián cobrou en 2011 máis que 400 dos seus traballadores xuntos, ou sexa, que só cos ingresos que recibe un dos directivos podería terse evitado o ERE… ¡manda carallo!

Derradeira portada do CiberPaís

E non me queixo só polos postos de traballo que desaparecen, senón pola perda de calidade do xornal. El País non está a adaptarse aos tempos de crise apretando o cinto, senón que está colocando o cinto no teito para aforcarse. Para exemplificalo quixera contar a miña relación coa publicación como lector. Eu mercaba puntualmente o diario El País todos os xoves durante aproximadamente unha década para poder ler o seu suplemento tecnolóxico, o CiberPaís e, de feito, gardábanmo no quiosco para que, se un xoves non podía pasar por alí, puidese pillarlo o venres, o que tamén se aplicou durante toda a vida da edición mensual do CiberPaís en formato revista. Vaia, que era un lector fiel, pero o xornal non me correspondeu axeitadamente, e tras subir o prezo da cabeceira non se lles ocorreu outra cousa que reducir o tamaño do suplemento a máis da metade, o que facía que os seus contidos fosen intermitentes, ou sexa, que había que mercar o xornal dúas semanas seguidas para poder ter o equivalmente a un número íntegro do CiberPaís, o que resultaba carísimo (por ese prezo podían mercarse revistas con moitos máis contidos) e moi frustrante (de cando en vez publicaban un especialmandando ao lixo os contidos que quería ler). En consecuencia, deixei de mercar El País os xoves, e menos dun ano despois a suplemento deixou de publicarse en papel. ¡Non me sorprende! ¡É que xa non valía para nada! Poden dicir que perdeu rendibilidade económica, pero en boa medida foi pola baixada da calidade. Agora vexo que o xornal matriz está a seguir os mesmos pasos, e dese xeito é imposible manter lectores, anunciantes e, moi especialmente, sona. Se El País perde prestixo (como claramente está a pasar co ERE actual) vai ser moi difícil que alguén gaste cartos en meter publicidade nas súas páxinas ou en adquirir a súa edición impresa. Ou mudan o xeito de facer as cousas, ou non van saír desta nin regalando películas en Blu-ray co xornal de luns a venres.

ACTUALIZACIÓN (11-11-2012): A situación está enrarecida hoxe, xa que nas páxinas de El País publicaron unha tribuna sen asinar na que amosan a visión da empresa do acontecido, nun paso do que non lembro precedente, pois dá a impresión de que culpan aos afectados do seu despedimento, cando a redacción é a vítima, non o causante da situación, como ben apuntaba hai semanas no seu blog Juan Varela. Incluso chegan a comentar que parte dos comentarios difundidos pola Rede son falsos, pero non precisan nada, ou sexa, que non hai que se atreva a asegurar que os ingresos de Cebrián son indecentes.

Manuel Bragado chega a falar de “creba moral”, e precisamente ese parece ser o elemento no que coinciden as críticas. Non podemos dubidar do feito de que PRISA leva varios anos en crise, pero en boa medida é culpa da súa nefasta xestión, e en vez de decapitar aos responsables, opta pola solución máis inxusta: aplicar un ERE aproveitando a flexibilidade laboral aprobada polo Goberno do Partido Popular e tan criticada nas propias páxina de El País. Un cinismo que merece o cambio do titular esta entrega do blogue, engadíndolle unha coma: “El País, vai ao carallo”.

ACTUALIZACIÓN (12-11-2012): Na revista Mongolia detallan que os ingresos de Cebrián en 2011 poderían servir para contratar a 341 redactores seguindo o convenio (ou sexa, que na práctica aínda poderían ser máis):

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS