O pasado sábado tiven a fortuna de participar na segunda edición do Foro UNIREDE, encontro de profesionais que teñen algún tipo de vencello coas redes sociais, o que fíxose especialmente evidente no relatorio de apertura, no que Clara Ávila, utilizando como desculpa os hipsters, fixo un repaso do uso que actualmente se fai das distintas plataformas sociais, centrándose especialmente nas que podiamos chamar alternativas. Dito doutro xeito: que todo dios estea en Facebook non fai que Instagram, Pinterest ou tumblr poidan deixarse de lado, senón que serven para chegar a públicos concretos dun xeito diferente.
O resto do evento demostrou que iso das redes sociais dista moito de ser cousa de frikis tecnolóxicos, e cada vez temos máis sectores involucrados no fenómeno, de xeito que subiron á palestra cociñeiros, unha escritoria de literatura xuvenil, organizadores de eventos, profesionais do mundo da saúde, blogueiras de moda… sendo especialmente divertida a intervención de Roberto Pérez Marijuán, quen falou de neuromarketing dando algunhas chaves sobre a aplicación que pode ter á web.Na sesión de tarde, para poder dar cabida a máis temas, os asistentes repartíronse en distintos obradoiros temáticos, quedando eu no principal, o de Comunicación e Novas Tecnoloxías, que serviu para presentar algúns produtos, e que aproveitou o compañeiro José Manuel García para explicar o uso que fai das plataformas de redes sociais na Radio Galega para conectar coa audiencia, mentres que Carmen Fernández quixo defender o papel actual dos xornalistas (insistindo no feito de que dende os gabinetes de comunicación tamén se fai periodismo) e José Luis del Campo centro no seu traballo como blogueiro (dando a entender que era de produtor de contidos na Internet).
A estes últimos fíxenlles unha pequena faena, comparándoos coa novela curta de Charles Dickens de Un Conto de Nadal, aproveitando as súas palabras para dar a entender que a radio era o medio do pasado, os gabinetes de comunicación aínda estaban a cortar o bacallau no presente e o futuro podería recaer nos blogueiros (nos 3 casos referíame á captación de cartos, non de audiencia), aínda que iso foi só unha provocación, pois se pensase realmente que a radio é un medio morto non interviría en tal medio varias horas á semana. [icon icon=”0039.png”][/icon]
O obradoiro tivo como moderador ao sempre ameno e divertido David Serantes, e non quero deixar de comentar que contou coa presenza de Josuke, que é a alma da LaconNetwork, o evento que xunta a profesionais e emprendedores do sector TIC para xantar o último venres de cada mes, e que en novembro promete ser moi especial ao achegarse a Cabana de Bergantiños (aínda que non vaiamos a contar coa presenza de El Parga).
[content_right title=””]
#unirede chegou a ser
Trending Topic español
durante a mañá do sábado
[/content_right]Concluiría así que este tipo de encontros, pese a ter unha vocación formativa, conseguen converterse en grandes eventos sociais, nos que axentes do sector en Galicia poden xuntarse presencialmente, o que axuda á súa dinamización, polo que a súa consolidación atende a unha demanda real (por algo #unirede foi Trending Topica nivel español durante a mañá do sábado), aínda que sen o titánico esforzo dos seus organizadores sería imposible gozar de experiencias así.
Debe estar conectado para enviar un comentario.