Cabocexando…

Esta fin de semana lin unha entrevista á xente de Cabozo coa que sentín certo malestar, por considerar que o ton non era o atinado, sensación que foi a...

Ánxel Folgueira no B-web
Esta fin de semana lin unha entrevista á xente de Cabozo coa que sentín certo malestar, por considerar que o ton non era o atinado, sensación que foi a peor ao ver o mal que reciben as críticas os seus responsables (especialmente cando dende Código Cero dámoslle unha cobertura moi superior á súa dimensión real por mor da súa peculiaridade).
Para que se comprenda o meu parecer, quixera destacar algúns comentarios publicados en Galicia Confidencial:

Daquelas 30 persoas que usaban Cabozo en 2008 pasouse a unha comunidade darredor de 7.000 persoas, entre usuarios rexistrados na nosa propia plataforma e aqueles que nos seguen noutras redes nas que tamén temos presenza

Coido que non viría mal repasar as clases de teoría de conxuntos para ver que as contas non teñen moito sentido. O normal é que os seareiros de Cabozo en Twitter e Facebook sexan usuarios de Cabozo. Non ten sentido inflar as cifras (incluso engadindo unha vela de máis á súa torta de aniversario, xa que realmente cumpren 3 anos en marzo) cando en todo momento se di que o volume non importa.

unha rede social que pouco ten que envexar ás redes sociais internacionais en canto a utilidades postas a disposición dos seus usuarios

Aquí é onde comezan os comentarios que considero que son pouco humildes. Tecnicamente Cabozo está moi lonxe de calquera outra plataforma social internacional, e mesmo dalgunha plataforma galega como Chuza (tras a explosión do Blogomillo era unha auténtica plataforma social galega, que foi esmorecendo por múltiples motivos para renacer como unha sombra do que foi).

Non deixa de ser salientable que algunhas destas funcionalidades, que posteriormente tiveron unha grande repercusión ao ser incorporadas polas grandes redes sociais, fosen postas moito antes a disposición dos usuarios de Cabozo

Coido que están a falar do integración dun servizo de multiconferencia en Cabozo, o que logo resultou rechamante cando fixeron algo semellante plataformas como Google+, pero as comparacións son odiosas: Cabozo só fixo uso dun servizo externo (usar Ustream.tv para facer videoconferencia é bastante trapalleiro), e o resto de plataformas están a facer desenvolvemento moi grandes que poden chegar a mudar o xeito de comunicarnos.
Por exemplo, que con Google+ poida facerse multiconferencia de vídeo con 10 persoas é brutal, pois ten un compoñente tecnolóxico moi forte detrás (que incluso conta cunha API pública), que facilita a comunicación en grupo entre usuarios de ordenadores, móbiles e tablets.

Dende Cabozo coméntanme por Twitter “Para un intre a coñecer Cabozo de verdade e logo compara funcionalidades, por exemplo, coas de Twitter. E falamos” e volvo a reiterar que a falta de humildade. Twitter é unha plataforma que, aínda que pareza que só permite intercambiar texto de 140 caracteres, ten por debaixo moito máis. As funcionalidades de Twitter son cada vez maiores, aínda que presente certa simplicidade para manter a súa esencia. Pero o feito de que conte con potentes versións móbiles ou que incluso que veña integrado en iOS 5 e que vaia integrarse en OS X 10.8 son claros exemplos de que querer establecer comparacións non é moi atinado.

Sinceramente, non coñezemos a ninguén na rede galega ao que o termo “gurú” non lle quede demasiado grande. Se existisen eses “gurús” do galeguismo 2.0, estarían a participar activamente, ademais de nos Twitter, Facebook e compañía, en Cabozo  pois non hai rede en internet máis galega ca esta.

Ánxel Folgueira facendo publicidade de CabozoTodo depende do que lle chamemos gurú ou galeguismo 2.0, pois ambos son conceptos moi subxectivos, pero dicir que non hai ninguén na Internet galega poida poidamos considerar como “autoridade intelectual” é algo que moitos poderían tomar como insulto. Non podemos esquecer que da nosa comunidade son moitos dos referentes na Internet española (como Javier Pedreira, Enrique Dans, Pedro Jorge Romero, Dani Seijo, Felipe Rivero, Juan Gómez-Jurado…) e aínda que o número de expertos que opten por comunicar en galego sexa menor, desprezalos non é un bo xeito de facer amigos.
Pero dar por sentado que un experto do sector ten que participar activamente nun espazo de nicho paréceme moi esaxerado, especialmente o asegurar que Cabozo é a rede máis galega que hai na Internet. ¡Baixa Modesto, que sube Cabozo! Reitero que incluso Chuza ten un funcionamento como rede social moito máis importante que Cabozo, e a visibilidade de Cabozo é tan reducida que non ten moito sentido esforzarse en ter unha presenza alí. Os tempos do minifundismo dixital xa pasaron (moitos nin lembran a U-lo?, Xanela, Enxebre, Lareta.net…), e a xente entende que é máis produtivo buscar unha identidade en comunidades globais que illarse. Ao igual que os clons locais de Twitter non se sosteñen co paso do tempo, tamén desaparecen as opcións de crear un YouTube local, a viabilidade a longo prazo de proxectos como Tuenti tamén póñense en cuestión… polo que pedir presenza en Cabozo, e sobre entender que son un referente paréceme excesivo.

Non vou negar que nos chama a atención que medios que nacen coa filosofía de Praza.com, por exemplo, de entrada sigan os mesmos pasos dos medios tradicionais apostando só polas grandes redes sociais.

Non parece o mellor xeito de pedir apoios. Con boas maneiras a xente de Praza podería facer algo conxunto con Cabozo, o que suporía un esforzo pola súa banda, pero criticando nunha entrevista…
Tampouco hai que esquecer que Praza Pública integrou un sistema de comentarios (Disqus) que permite a identificación con Google, Twitter, Facebook e outros sistemas, ou sexa, que non parece doado facer algo semellante con Cabozo, pois as plataformas citadas poñen moitas facilidades para a interoperar con outros servizos.

Poderiamos falar longo e tendido sobre a nosa impresión ao respecto, sobre por que se ven sempre as mesmas caras en case todos os eventos; sobre como determinadas persoas poden chegar a ser considerados referentes do social media galego a pesar da súa nula ou controvertida traxectoria; sobre que coñecementos reais teñen en social media os xestores destes eventos galegos e que criterios seguen para elixir os relatores dos mesmos; sobre por que non se conta con xente con verdadeira experiencia na xestión de webs sociais en Galicia que seguro que poden contar cousas máis interesantes para os negocios galegos que algún “figura” que vén a contar películas que nada teñen que ver coa realidade galega, etc.

Outra vez faltando á xente (e sen concretar). Se hai moitas caras repetidas é en boa medida porque en Galicia somos poucos. É como criticar que no cine español sempre saen os mesmos actores. Que algúns eventos teñan programas de pouco nivel é en moitas ocasións un problema de recursos, pois non son poucos os casos nos que non se paga un can aos oradores (nin sequera o desprazamento), pero incluso así hai presenza de auténticos profesionais con experiencia no sector. Supoño que estamos ante un comentario sobre a mala acollida que tivo Cabozo entre os asistentes ao B-web, que non entendían que a plataforma social de Antonio Mariño e Ánxel Folgueira puidese servir de modelo de negocio (supoño que foi simplemente un problema de contexto).
En definitiva, que non entendo ese xeito e inchar o peito por parte da xente de Cabozo, que hai preto de 3 meses anunciara que suspendía o desenvolvemento do seu proxecto (¿quen no seu xuízo aposta por un proxecto conxelado aínda que operativo?), especialmente cando, pese a mudar de aparencia, ten moito que mellorar en usabilidade (afastarse da norma neste ámbito normalmente é unha mala idea).
Espero que o proxecto manteña o seu pulo no tempo, especialmente polos seus usuarios, pero continúo a recomendar aos seus voceiros que teñan máis sentidiño á hora de botarse flores e de falar mal do que se fai en Galicia, pois non son os únicos que están a tirar para adiante con poucos apoios, e sempre fai máis unha cenoria que un pau.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS