Ás 19:00 horas botou a andar a keynote de Apple para presentar o seu iPad mini, que como era de prever, non é outra cousa máis que un iPad 2 con pantalla de 7,9 polgadas e que, misteriosamente, soporta Siri (prestación marxinada do vello iPad porque lle peta a Tim Cook), e que chegará a España o 2 de novembro a un prezo que parte dos 329 euros (para o modelo con Wi-Fi e 16 Gb de capacidade), mentres que os seus competidores directos (Kindle Fire HD e Nexus 7) teñen un prezo de 199 euros. Vaia, que pese á diferenza de prezo é de agardar que o novo dispositivo de Apple non dea atendido a súa demanda de cara ao Nadal (vai venderse como churros, pese a que Jobs renegase sempre dese tamaño de pantalla).
Vídeo de presentación do iPad mini
Para min a grande nova de hoxe foi o novo iMac, porque este ordenador todo-en-un de Apple conseguiu adelgazar un 80% para sumirse nuns ridículos 5 milímetros de grosor, parecendo imposible que haxa algo máis que un panel na súa pantalla, pero que realmente agocha un procesador Intel Core i5, 8 Gb de RAM e 1 Tb de disco duro (que se tes cartos de sobra podes substituír por unha unidade híbrida con SSD para que vaia como un tiro). Tamén ten unha boa gráfica e unha conectividade moi completa. Vaia, que de ter que pórlle un defecto está claro que sería o seu prezo (o modelo de 21,5 polgadas parte de 1.379 euros e o de 27 de 1.899 euros, pero é doado disparar o prezo se incorporamos algunha das opcións dispoñibles como a mencionada unidade Fusion Drive).Apple, desprezando aos seus clientes
Pero desta volta Apple cuspiu na cara dos seus clientes máis fieis ao renovar o novo iPad, produto que hai 7 meses chegou ás tendas cun procesador A5X e que, agora venderase cun procesador A6X (mellor incluso que o do iPhone 5) por practicamente o mesmo prezo, o que lémbrame ao que pasou cando saíu o primeiro iPhone, que aos 2 meses do seu lanzamento baixou de prezo 200 dólares, o que levou a Jobs a pedir desculpas e a agasallar aos prexudicados cun vale de 200 dólares). ¿En que está a pensar Tim Cook? ¿Non se decata de que este movemento fai que os seus usuarios máis fieis sintan desprezo por parte de Apple á súa persoa?
E para rematar a faena, vemos como en España os nosos ordenadores de Apple son moito máis caros que nos EE.UU., pois non só aplicaron a inxusta paridade euro=dólar, senón que incluso inflaron un chisco o prezo en euros, de xeito que un iMac de 27 polgadas que custa nos EE.UU. 1.799 dólares (1.386 euros ao cambio) en España venderase por 1.899 euros, diferenza de prezo que non pode xustificarse polo IVE e pola garantía de 2 anos que temos en Europa. ¿Como poden xustificar que en España paguemos un 37% máis que en EE.UU. polo mesmo equipo?
Debe estar conectado para enviar un comentario.