RetroCoruña 2012 contou unha boa selección de consolas de videoxogos para uso público, entre as que destacaba a Vectrex, cun xogo vectorial de coches que deixou alucinada a Silvia, a quen o ano pasado escoitaramos nun relatorio sobre o desenvolvemento de videoxogos.
Tamén era moi icónico o Duck Hunt de Super Nintendo, ao que podía xogarse cunha Zapper, e que tiña a máis de un enganchadísimo. Curiosamente o xogo pasou á memoria colectiva polo can que tiña que recoller os patos cazados, que ría do xogador cando fracasaba.
Fíxome graza ver a un rapaz botando unha partida cunha Nintendo 64, simplemente polo feito de que coido que a consola tiña máis anos que o cativo. Éche o que teñen os eventos retro, ou o feito de que algúns gustan dos clásicos sen telos vivido no seu día (como acontece co cine e a música).
Por desgraza, a Dreamcast presente en RetroCoruña tiña o Virtua Tennis, en vez do Soul Calibur, xogo ao que teño un desempate pendente dende o ExpOtaku de 2011, cando a consola queceu (e apagou de súpeto) no terceiro combate e tivemos que deixar de xogar sen saber quen gañaba o pique. 🙁
Aparte doutras consolas, coido que alguén quería fardar de forza, porque cargou cuns mandos arcade xigantes. Postos a ter tremendo becho, coido que compensa ter unha recreativa completa na casa.
E para imitar a máquina recreativa de Donkey Kong vese que alguén tivo a idea de colocar o televisor de lado para poder adoptar o seu formato vertical. Quedaba gracioso o conto.
A xa que falaba de recreativas, como en todos os encontros deste tipo, en RetroCoruña non faltou unha, que servía para botar piques a xogos de loita, aínda que eu puiden resistir a tentación. Moitos estarían encantados de ter un moble así na casa, pero por desgraza ocuparía moito.
11 Setembro, 2012
Debe estar conectado para enviar un comentario.